Cabify chega este venres á Coruña

A plataforma de VTC inicia a súa expansión ao norte e xa está presente en sete cidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Cabify comeza este venres a operar na Coruña co seu servizo de vehículo de aluguer con condutor (VTC). Deste xeito, a compañía inicia a súa expansión cara ao norte do país e aumenta a sete o número de cidades nas que dá servizo, segundo anunciou a empresa.

Moza vendo a aplicación de Cabify no móbil. CABIFY - Archivo
Moza vendo a aplicación de Cabify no móbil. CABIFY - Archivo | Fonte: Europa Press

Trátase da primeira firma deste tipo que comezará a operar na Coruña, cidade que se engade así ao servizo de transporte urbano que Cabify xa ofrece en Madrid, Barcelona, Málaga, Sevilla, Alacante e Valencia.

A plataforma de mobilidade inicia o servizo na cidade galega cunha cobertura de até 30 quilómetros cadrados e incluíndo zonas adicionais ao centro da capital, como por exemplo o aeroporto da Coruña ou o municipio de Arteixo.

Cabify comezará o seu servizo nesta cidade ás 6.00 horas deste venres, hora desde a que a aplicación móbil e a web da empresa empezarán a admitir peticións de viaxe inmediatas e reservas na Coruña, ofrecidas por unha frota de vehículos de gama 100% híbrida con condutor privado.

A tarifa mínima do servizo será desde 5,50 euros, que pasarán a ser 10 euros no caso de peticións de reserva, feito que require a contratación con dúas horas de antelación.

CONFLITO

A finais de xullo, no medio das negociacións co Ministerio de Fomento polo conflito que afectou en maior medida a cidades como Madrid e Barcelona, o colectivo galego de taxistas sumouse a unha xornada de folga para defender as súas reivindicacións.

Entón, a Xunta instou o Ministerio de Fomento a proporcionar un marco regulador "claro" sobre as licenzas de aluguer deste tipo de vehículos con condutor, de modo "que garanta os dereitos dos usuarios" e tamén "a competencia leal" entre profesionais. Así, no marco destas reunións, a Administración autonómica rexeitou "centrifugar" os problemas ás comunidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta