Elvira Lama elixida voceira do PSOE na Deputación de Ourense en substitución de Francisco Fraga

A nova portavoz será tamén candidata do PSOE á alcaldía de Xinzo de Limia onde aspira recuperar o goberno local.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/12/2018 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O PSOE provincial de Ourense elixiu a Elvira Lama Fernández como a súa nova voceira na Deputación despois da substitución de Francisco Fraga do cargo polas súas declaracións nas que criticaba á dirección provincial e mostraba o seu apoio ao que fose secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013, Manuel 'Pachi' Vázquez.

O secretario do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino (dereita)
O secretario do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino (dereita)

Segundo explicou o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, a decisión foi tomada na tarde deste xoves nunha reunión na que participaron membros da dirección provincial e os deputados na institución ourensá.

Neste encontro celebrado na sede provincial, conforme explicou Villarino, a súa executiva informou aos deputados da decisión tomada  a tarde do martes. Ademais, optaron por que a que ostentaba até agora a viceportavocía na Deputación asuma o cargo.

O secretario provincial do PSdeG puxo en valor a traxectoria política de Elvira Lema, militante socialista que, ademais, será a candidata do PSdeG á Alcaldía de Xinzo de Limia. "Aspira, por primeira vez en moito tempo, a recuperar a Alcaldía deste pobo e ten argumentos sobrados para selo, a súa traxectoria é intachable", sinalou Villarino, que destacou o seu traballo en "defensa dos veciños" nun concello marcado por "unhas cotas de corrupción absoluta".

Ademais, preguntado polas críticas que este xoves formulou contra el Francisco Fraga, Villarino asegurou que a situación "está normalizada" pero que "algunhas persoas teñen distintos pareceres e non o enfocan como é apropiado".

Nesta liña, enmarcou o cambio na portavocía na "normalidade" dun partido político e lembrou que esta mesma semana a Xunta de Galicia relevou a Marta Míguez como secretaria xeral de Deporte, cargo que volveu a asumir José Ramón Lete Lasa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta