O 112 Galicia atendeu preto dun centenar de incidencias por choivas

A maioría dos avisos estaban relacionados coa caída de árbores, desprendementos de terra e pedras ou formación de balsas de auga na estrada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2018 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención a Emerxencias (CIAE) 112 Galicia contabilizou até as seis da tarde preto dun centenar de incidencias relacionadas coas choivas.

Temporal en Galicia
Temporal en Galicia | Fonte: Arquivo

Aínda que ningunha das incidencias resultou ser de gravidade, as precipitacións recollidas na comunidade durante o día provocaron, especialmente, caída de árbores, desprendementos de terra e pedras e formación de balsas de auga nas estradas.

Segundo informa o 112, en Rianxo foi necesaria a intervención dos bombeiros para axudar a un home atrapado co seu vehículo nunha balsa de auga, que lle impedía saír do coche, arredor das 17,30 horas da tarde, na parroquia de Taragoña, concretamente, nunha ponte sobre o río Te. Afortunadamente, o home atopábase en perfecto estado de saúde, polo que rexeitou recibir asistencia médica.

Polo demais, as zonas nas que se rexistrou o maior número de incidentes foron os concellos de Boiro, Outes, Lousame e Padrón, na provincia da Coruña, e en Vigo, Sanxenxo e Redondela, na de Pontevedra. En menor medida, con casos puntuais e de escasa importancia, tamén se viron afectados concellos na provincia de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta