Abel Caballero cre que Feijóo "está rabioso" polo "éxito" das luces de Vigo

Respecto das municipais de maio, vaticina que o PSOE obterá 21 concelleiros, fronte aos 4 edís que estima que terá o PP

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2018 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cre que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está rabioso" contra a cidade olívica, porque "cría que as luces ían fracasar", pero "son un éxito". Neste sentido, o rexedor asegurou que o investimento na iluminación do Nadal -máis de 800.000 euros- obtivo "en soamente 20 días" un nivel de retorno que "multiplicou por dez o gasto".

O alcalde de Vigo,  Abel Caballero, no Concello.. Europa Press - Archivo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no Concello.. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser e recollida por Europa Press, Caballero considera que Feijóo ten un "resentimento permanente" contra a urbe, tamén "seguramente" contra o seu propio alcalde, e que por iso o presidente autonómico "segue tratando mal á cidade".

Precisamente sobre as luces do Nadal versaron as últimas críticas de Feijóo contra o alcalde socialista, posto que considera que Vigo é a urbe "con máis problemas sociais" da Comunidade. Para Caballero, isto é "mentira" e "el (Feijóo) sábeo manifestamente", pero faino "para tentar salvar a súa dimensión política".

Neste contexto, o alcalde retou ao presidente da Xunta a nomear "unha cidade que teña máis ou mellor política social que Vigo". "Non me irá a dicir Ourense -única cidade de Galicia con alcalde popular-. Non me irá a dicir A Coruña ou Santiago cando eles as gobernaban porque, cando gobernan, a política social desaparece", esgrimiu.

E é que, respecto diso da iluminación, Caballero afirmou que o retorno xerado "multiplicou por dez o gasto, e vai multiplicalo por moito máis". Segundo os seus datos, o pasado domingo 9 "foi o día que máis xente houbo nas rúas de Vigo, seguramente na súa historia", un xentío "nunca visto" que foi atraído polas luces.

"A inmensa maioría viñan de fóra, porque mo din a min e era visible: os hoteis cheos ao 100%, os restaurantes cheos, as cafetarías cheas, os comercios vendendo máis que nunca...", exemplificou.

"RECONDUCIR" A SÚA RELACIÓN CON FEIJÓO

Ademais, o alcalde olívico di estar disposto a "reconducir" a súa relación con Feijóo, pero coa condición de que "ten que atender" á cidade. E é que Caballero considera que "non vale" prometer moito nunha entrevista "para despois non facer nada" e "rebentar a área Metropolitana, facer un hospital privado, escatimar na sanidade e investir 17 millóns nun edificio da Cidade da Cultura en Santiago". "Pero nada en Vigo... Isto non vale", criticou.

Aínda que o rexedor socialista nega que entre ambos haxa un problema "persoal", cre que Feijóo "está a demostrar ser moi mal presidente para Vigo". "Vostede cre que despois de que eu acordase co ministro de Cultura que van facer un novo edificio para a Biblioteca do Estado en Vigo pode ir o presidente da Xunta a visitar ao ministro dicíndolle que non a faga? Pois isto acaba de pasar hai non máis dúas semanas", relatou.

No ámbito sanitario, Caballero cre que Feijóo se "equivocou gravemente tantas veces" e que por iso ten a este sector "rebelado". "Tamén son 'abelcaballeristas' os directores dos centros de saúde desta cidade que lle dimitiron en masa como non sucedeu nunca en ningunha Comunidade Autónoma de toda España? Non, é os malos tratos de Feijóo a esta cidade e, neste caso, á sanidade", abundou.

Non obstante, e "a pesar dos malos tratos" da Xunta, o rexedor ve que Vigo "vai estupendamente" e que está "no mellor momento despois da crise, superándoa" agora co "apoio" da Deputación, da Zona Franca e do novo Goberno de España, todos eles gobernados polos socialistas. "Agora todas as institucións se poñen a favor de Vigo e Feijóo queda só, illado, en contra desta cidade", dixo.

Aínda que admite non estar interesado en "exportar o seu modelo" de cidade, asegura que "hai moitos concellos que o seguen" e "moita xente que o valora". En contraposición, Caballero pregúntase "onde ía o diñeiro que gastaban" os anteriores alcaldes, xa que "non aparecía nunca visible".

"AÍNDA SEIS MESES" PARA AS MUNICIPAIS

Así as cousas, o rexedor olívico considera que as eleccións municipais do próximo 26 de maio "non empezan ata que se convocan". "Faltan aínda seis meses para a súa celebración, un oitavo do mandato" no que van facer "tantas cousas" que pon o foco "no goberno de aquí" e no da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), da que é presidente.

Finalmente, o rexedor concluíu a entrevista prognosticando que obterá 21 concelleiros -actualmente, o PSOE ten 17 dun total de 27- "e Feijóo terá catro". Nesta resposta, Caballero eludiu citar á candidata popular á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz. "Non quero faltar ao respecto a ninguén, pero digo Feijóo porque é a cabeza visible do PP. Pero si, calcule algo destas características: eu terei 21 e a señora Muñoz terá 4", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Carlos__2

4 para o pp de Vigo é moi optimista. A Marea co seu esperpéntico candidato baixara a 1, o BNG non entrara tampouco, e C's pode ter 1 ou 2... O caso é que Caballero vai facer historia mais unha vez.

1 lóstrego

Xa botaba de menos unha nova de ciencia e tecnoloxía. Parabéns