José Antonio Pazos perdeu 150 colmeas no incendio de Souteliño (Laza): "Non quero cartos, necesito biodiversidade"

Tras o incendio máis devastador da historia de Laza, un apicultor que viu como se esfumaba o seu traballo de anos nunhas poucas horas loita por reconstruír o seu negocio co pouco que lle quedou. "Eu o mel véndoo a 20 euros o quilo, polo que estamos a falar de 1.200 euros perdidos só nunha colmea, máis a colmea en si mesma, que son outros 300, de maneira que en total serían arredor duns 1.500 euros perdidos nun só caixón", detalla.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 11/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O lume entrou na aldea de Souteliño, no concello ourensán de Laza, como unha fera indomable, sobrepasando os montes de Matamá. Avanzou polas ladeiras sen dar tregua, tragándose piñeirais enteiros, prados, regatos de vida e traballos de décadas. O verán de 2025 quedará gravado como o máis negro das tres últimas décadas en Galicia: só ata o 19 de agosto arderan arredor de 400.000 hectáreas en toda España, segundo os datos oficiais, das cales unhas 150.000 pertencían á provincia de Ourense, epicentro da traxedia. A visión satelital de Copernicus, o programa europeo de observación da Terra, elevaba a cifra a unhas 380.000 hectáreas arrasadas. As cifras marean, son tan grandes que ás veces deixan de significar. Pero detrás de cada hectárea hai un monte que non volverá ser o mesmo, unha colmea convertida en cinza, un prado sen flores onde as abellas xa non poden libar, unha familia que ve como se esfuma o traballo de moitos anos. A paisaxe queimada non é só natureza perdida, tamén é memoria, sustento e futuro truncados.

José Antonio Pazos vendo como quedou a súa alvariza tras o pazo do voraz incendio que calcinou os montes de Souteliño
José Antonio Pazos vendo como quedou a súa alvariza tras o pazo do voraz incendio que calcinou os montes de Souteliño | Fonte: Cedida

É aquí onde aparece a historia de José Antonio Pazos, un apicultor que, xunto á súa muller e aos seus dous fillos, levantara con esforzo unha pequena empresa familiar no rural: Aialma. As lapas do incendio de Souteliño --que arrasou cunhas 30.000 hectáreas-- leváronlle practicamente todo: colmeas, mel e esperanzas inmediatas. O que non lle arrebataron foi a súa vontade de volver empezar, de resistir, aínda que sabe que a recuperación levará anos e que, mentres tanto, a velutina devora as poucas abellas que quedaron en pé aprobeitando a súa debilidade. "Aquí había unha colmea e mira como quedou, ardida e derretendo mel por fóra", dinos mentres nos sinala os restos calcinados. Aquela colmea tiña tres medias alzas, o que equivale a uns 60 quilos de mel. "Eu o mel véndoo a 20 euros o quilo, polo que estamos a falar de 1.200 euros perdidos só nunha colmea, máis a colmea en si mesma, que son outros 300, de maneira que en total serían arredor duns 1.500 euros perdidos nun só caixón", detalla.

"DANNOS 135 EUROS POR COLMEA, QUE FAGO EU CON ISO? NON CHEGA NIN PARA PAGAR UN COLMEAR NOVO. EU PERDÍN ARREDOR DUNS 1.500 EUROS POR CAIXÓN"

A súa conclusión é seca, contundente: "Perdín o 90 % da miña produción, quedoume só un 10 % en bo estado, esa é a realidade, moi triste". E aínda que sabe que se abriu unha liña de axudas para os apicultores que tiveron perdas e que xa se desprazou para realizar os tediosos trámites que supoñen ter que ir á Garda Civil interpoñer a denuncia para poder cobralas, lamenta que estas axudas son irrisorias: "Dannos 135 euros por colmea, que fago eu con iso? Non chega nin para pagar un colmear novo". "Eu non quero diñeiro, quero biodiversidade para que as abellas poidan vivir, prefería un colmear novo", di con firmeza. Ademais, amósase consciente de que os cartos tardarán en chegar. "Eu non podo estar esperando a que me dean nada, sen traballar", sinala, e conta que "xa trouxemos alpacas de palla e sementamos colza e nabos para que as abellas teñan flores nas que ir chuchar néctar", pois calcula que ata dentro duns dous ou tres anos na zona non volverá nacer vexetación suficiente como para alimentar novamente as colmeas.

A explotación familiar contaba con arredor de 200 colmeas. "Debín perder sobre 150 ou máis", calcula José Antonio. Nunca antes lle pasara algo semellante. "Levo con este proxecto 6 anos, pero acórdome deste monte dende que nacín e nunca vin nada igual, ten habido incendios puntuais, pero nunca vira nada semellante, non hai punto de comparación", asegura. E conta que "arderon piñeirais que tiñan xa máis de 30 anos". "Non quedou un en pé", lamenta. E aínda que sabe que a natureza ten mecanismos de recuperación, tamén coñece os seus límites. El mesmo tratou de salvar algúns colmeares cando viu que o lume se achegaba. Sacou o mel de varias colmeas aínda a costa de ter que sacrificar os enxames, porque sabía que sería imposible salvalos. "Unha colmea con dúas medias alzas pesa uns 70 quilos, e resulta imposible mover iso só: cada caixón son 20 quilos, máis a colmea grande, pode chegar aos 40 quilos", apunta.

Así quedaron as colmeas de José Antonio Pazos tras o paso do voraz incendio que calcinou os montes de Souteliño
Así quedaron as colmeas de José Antonio Pazos tras o paso do voraz incendio que calcinou os montes de Souteliño | Fonte: Cedida

"AS POUCAS ABELLAS QUE QUEDARON VIVAS AGORA ESTÁN FEBLES E TEÑEN Á VELUTINA AXEXANDO PARA COMELAS. XA ENCARGUEI UN LOTE DE 50 COLMEAS"

José Antonio explícanos como afectou o fume directamente ás abellas: "Cando hai un incendio, as abellas saben que vai vir lume e ante a subida da temperatura resgárdanse no colmear e comezan a comer mel para prepararse para o que se achega". "Pero se a chama chega á piqueira e entra de súpeto por ela, morren queimadas", explica. Por iso, moitas das súas abellas apareceron mortas mesmo na entrada da colmea. "As poucas que quedaron vivas agora están febles e teñen á velutina axexando para comelas", lamenta impotente e sen poder facer nada mentres nos sinala unha vespa asiática perseguindo unha abella. Como explica, "se nunha colmea morre a raíña, a propia colmea xera outra, alimentadas con xalea real saen outras catro ou cinco realeiras, e logo só queda a máis forte". Por iso, sabe que de cara ao próximo ano ten que intentar dobrar as abellas que lle quedaron: "Partirei os enxames e farei colmeas novas". "Xa encarguei un lote de 50 colmeas para traer e intentar facer 100 co tempo", conta, consciente de que este ano pónselle a cousa moi difícil.

A memoria tráelle tamén lembranzas escuras. Describe con detalle como foron aqueles días, os contralumes, os camións de auga, os veciños tentando salvas as súas casas, os tractores indo e vindo... "Estivemos loitando contra o lume ata as cinco da mañá e cando semellaba que quedaba controlado, ao día seguinte volvía arder todo con máis forza", lembra. "Non había medios, iso era o máis duro, que faltaban medios e sentiámonos impotentes loitando sós contra as chamas", asegura. Tras uns días negros dos que queda un recordo aínda máis negro, agora é tempo de reconstruír. José Antonio sabe que será un proceso lento, que terá que investir moitos cartos e que haberá que facer por multiplicar as colmeas que sobreviviron. Pero tamén sabe que non lle queda outra opción. "A ver se podo tirar un pouco este ano co mel que dei sacado antes do lume...", despídese de nós, pouco confiado nas súas propias palabras, pero agardando que así sexa.

Unha das colmeas de José Antonio Pazos derretida tras o paso do incendio que calcinou os montes de Souteliño
Unha das colmeas de José Antonio Pazos derretida tras o paso do incendio que calcinou os montes de Souteliño | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta