Cara onde camiña En Marea?

A formación está completamente dividida, pero ningún dos sectores enfrontados quere dar o paso definitivo. Ningunha votación arranxará xa o nivel de división interna e de cainismo ao que se chegou. Pero, por que?

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/12/2018 | Actualizada ás 23:04

Comparte esta noticia

Caín matou ao seu irmán Abel, dise que por ciumes. Un comportamento que está narrado na Biblia, pero que tamén aparece en contos populares de distintas culturas. De feito, Caín deu nome a un fenómeno do comportamento, o cainismo, que é un tipo de conduta agresiva observada nalgúns animais, principalmente aves rapaces, que consiste na aniquilación directa do irmán ou os irmáns menores por parte dun irmán ou os irmáns maiores máis fortes.

A pesar de ser un fenómeno observado nos animais, ben cedo pasou ao ámbito da política. Famosa é a frase de Winston Churchill de que "os nosos adversarios están en fronte, os nosos inimigos atrás". Un contundente tirón de orellas a un parlamentario mozo do seu partido que dixera, durante unha sesión parlamentaria, que os "inimigos estaban en fronte". Para Churchill os inimigos estaban no seu propio partido e os adversarios, na oposición. Algo que agora tamén ten que roer a premier británcia Teresa May a conta do referendo do Brexit.

En España tamén hai bos exemplos de cainismo. No PSOE son famosos os casos de Felipe González e Alfonso Guerra ou Joaquín Almunia e Josep Borrell. E máis recentemente o de Pedro Sánchez e Susana Díaz. Tamén no PP, cando Manuel Fraga fulminou a Jorge Vestrynge --agora, curiosamente, en Podemos-- como secretario xeral de AP, ou cando Aznar montou FAES para atacar a Rajoy. Unha estratexia da que maman, agora, os de Vox.

E, en Galicia, son ben coñecidos os casos de José Luis Barreiro votando a favor dunha moción de censura contra o seu mentor Albor; ou o de Fraga defenestrando a Xosé Cuíña por presións do sector "urbanita" do seu partido, no que estaba Feijóo. No PSOE, algo semellante fixo Pachi Vázquez con Touriño logo de perder o bipartito. O mesmo Pachi Vázquez que abandona o PSdeG acusando a Gonzalo Caballero do mesmo. E no BNG, co que lle pasou a Anxo Quintana, ou máis recentemente a Xabier Vence, denostados polos seus.

Plenario de En Marea
Plenario de En Marea

O CAINISMO DE EN MAREA

Un cainismo instalado, ultimamente, e con doses elevadas, en En Marea. Unha formación que camiña cara a ningures, completamente dividida e que se relaciona a base de chíos e mensaxes nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Este medio xa relatou en numerosas ocasións o perigo que corría esta formación, anunciou que camiñaba cara a división e logo cara o esperpento. Mesmo avanzou que a trifulca interna acabaría nos tribunais, como así foi. Tamén avanzou que a formación vai acabar rompendo. E, precisamente, nese punto é onde o cainismo está acadando as súas cotas máis elevadas. Por que non racha En Marea?.

O enfrontamento das dúas partes é de tal nivel que ninguén quere dar ese paso. Uns agardan a unhas votacións que non terán ningún tipo de validez moral, nin argumental. Outros a buscar argumentacións de todo tipo para tentar facer que esas votacións parezan legais. E, mentres, o tempo pasa e ninguén toma a decisión definitiva de romper a baralla.

O que hai en xogo en En Marea xa non é un argumento político, senón un argumento que en palabras de Paco Umbral sería ver "quien la tiene más grande" ou "quien echa el chorro más largo". Os que defenden a votación a toda costa queren apurar uns tempos que van na súa contra, especialmente, para os alcaldes das grandes cidades, que son os que máis teñen que perder en todo isto. Os que defenden unha suposta legalidade tentan alongar a situación para tensionar, precisamente, a parte deses alcaldes. E no medio de todo, está a militancia que comeza a ver que o enfrontamento xa non é político, senón persoal e visceral, e, como en todo proceso político, comeza a aborrecer as tácticas duns e dos outros, sexan dos seus ou sexan dos outros.

TODOS PERDEN

En Marea non depende xa de ningunha votación, tampouco de ningún procedemento legal que garantice esa votación. Depende dunha cordura e dunha madurez política, e mesmo intelectual, dos seus dirixentes para tentar resolver un conflito a través do único camiño que existe, que é o acordo, aínda que o acordo sexa o desacordo e, polo tanto, a ruptura. Mellor que esa ruptura sexa o menos traumática posible que chegar a un escenario premunicipal que a ningún dos bandos vai favorecer; nin aos alcaldes que xa están, nin aos que aspiran a montar estruturas de poder municipais.

Deste proceso ninguén vai saír "gañador". Os dous bandos van perder. A victoria será que non hai victoria, tan pírrica que quizais se perda máis do que se gañe. Porque o gañador queda cunhas siglas absolutamente queimadas. "En Marea, agora, é apostar por cabalo perdedor". É unha frase escoitada a militantes dos dous sectores enfrontados. E os perdedores o serán por partida doble. Terán que saír da dirección do partido e as súas competencias, mínimas, no Grupo Parlamentario, o que, de facto, suporá que se pasen ao Grupo Mixto. Pero, chegados a ese punto, os que queden ou os que marchen estarán na mesma situación; afundidos políticamente a partes iguais. Uns cunhas siglas mortas e outros, sen singlas.

"Debemos superar de una vez el cainismo patrio que tanto daño nos ha causado", din que dixo Azaña cando a Guerra Civil era inevitable. A súa frase caíu en saco roto. A ver se alguén aprende da historia porque as súas leccións sempre son sabias.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. Europa Press - Archivo
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. Europa Press - Archivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

2 Xavier.

1.-"Enconamento"? Por favor, un pouco de gramática galega e menos libro de estilo El País. 2.-Manda carallo que algúns se atrevan aquí a pontificar sobre cainismo despois de seguir a dirección marcada pola ultradereita española contra a RAG.

1 sermos mantidos

Vai en retirada, xa foi! Para confiar outra vez no vello PcE do aparato que manipula inscritos e no novo do postureo podemita --escindido do anterior, logo coas mesmas mañas noxentas-- que aspira a controlarlo todo para aupar unha nova casta? Nunca máis!