O Sergas xustifica a falta dun médico no PAC da Estrada pola que faleceu unha persoa porque o profesional se "esqueceu"

O PP cre que así está "absolutamente claro" que ausencia do médico non se debe a "cuestións económicas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2018 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O director de Procesos sen Ingreso e Urxencias da EOXI de Santiago, Felipe Calle Vellés, asegurou que a "ausencia" dun médico o pasado 4 de agosto no PAC da Estrada —cando un home morreu sen atención médica— "non foi debida a unha deficiente planificación" senón "ao esquecemento" do profesional que tiña que cubrir a garda.

Comparencia de Felipe Cale Vellés no Parlamento
Comparencia de Felipe Cale Vellés no Parlamento | Fonte: Europa Press

Felipe Calle Vellés compareceu este xoves na comisión de investigación de sanidade pública posta en marcha no Parlamento de Galicia, órgano no que asegurou que, "unha vez detectada" a falta deste profesional foi "imposible de cubrir" o posto a pesar de que os responsables dos recursos humanos tentárono a través de todos os medios dos que dispón a área sanitaria.

Na súa comparecencia na Cámara galega, Calle Vellés describiu as circunstancias que rodearon o falecemento de José Manuel Brea o pasado 4 de agosto. Nese día, cando o paciente acudiu ao centro, o único médico de garda saíra a atender unha urxencia.

Do mesmo xeito que o comparecente anterior —o xefe de Atención Primaria do PAC da Estrada, Juan Sánchez Castro— Felipe Calle asegurou que, após a chegada do paciente ao centro, a celadora chamou ao 061 en varias ocasións para informar da situación do paciente e alertou, ás 19,17 horas, que o paciente "non respiraba".

"Minutos despois, chega a ambulancia e realiza as manobras", apuntou este directivo que tamén cuestionou que o paciente se puidese salvar se houbese outro médico tendo en conta que carecería do apoio dun profesional de enfermaría para realizar a reanimación.

"É tecnicamente cuestionable que un médico só poida realizar manobras de RCP avanzada de calidade, necesita polo menos da colaboración dun enfermeiro ou enfermeira ou dun profesional sanitario", sinalou para asegurar que "de estar ese día o segundo médico estaría sen enfermeiro", "polo que o resultado é probable que fose o mesmo", indicou.

MELLORAS IMPLEMENTADAS APÓS O SUCESO

Na súa intervención, Felipe Calle Vellés asegurou que despois deste suceso, a EOXI de Santiago analizou as "causas de raíz" dos feitos e implementó distintas vías de mellora como un sistema de envío de mensaxes de texto ao móbil aos profesionais para lembrar as súas quendas 24 horas antes de cada garda. "Desde que habilitamos ese recordatorio non se produciu ningunha ausencia, garantiuse a comunicación permanente", puxo en valor.

Ademais, destacou que a dirección impulsou a posta en marcha de plans especiais que permiten aos facultativos de urxencias e do 061 realizar urxencias en Puntos de Atención Continuada (PACs).

Con todo, recoñeceu que a situación global de "carencia de persoal" tamén é "preocupante" na área de Santiago. Así, aínda que asegurou que "non é tan alarmante" como noutras, indicou que "condiciona" o traballo que a dirección debe facer.

INTERVENCIÓN DO GRUPO POPULAR

O único grupo parlamentario que asistiu á comparecencia de Vellés foi o popular tendo en conta que En Marea, PSdeG e BNG abandonaron esta comisión de investigación —posta en marcha a petición da oposición— en protesta polo plan de traballo aprobado polo PP en solitario.

Precisamente, na súa quenda de palabra, o portavoz de sanidade do PPdeG, Aurelio Núñez Centeo, considerou que a intervención deste directivo da EOXI de Santiago deixa "absolutamente claro" que a falta dun médico nesa xornada non se produciu por "aforrar", por "cuestións económicas".

Así, despois de pór en valor que o posto "se tentou cubrir tirando de todo o que hai", considerou que medidas como a anunciada pola Xunta de habilitar contratos de longa duración para médicos de Atención Primaria e Profesionais permitirá que situacións como a producida na PAC da Estrada pola falta dun médico non se produzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta