SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2018 | Actualizada ás 06:50 por EUROPA PRESS
En Marea contará a partir deste sábado 29 de decembro cun novo equipo de dirección. O Consello das Mareas será constituído após as polémicas primarias que outorgan 21 dos 35 asentos do máximo órgano de dirección do partido instrumental á lista liderada por Luís Villares, que tamén se fixo cos cinco postos da Comisión de Garantías.
A sede de En Marea en Santiago acollerá o acto de constitución do Consello. Con todo, as 14 persoas electas pola candidatura do sector crítico, 'Entre Todas', non tomarán posesión do seu cargo, xa que continúan sen recoñecer os resultados dunhas primarias que cren adulteradas pola dirección saínte para beneficiar a candidatura de Villares.
Así, segundo fontes consultadas por Europa Press, os críticos permanecen á espera de coñecer o resultado da auditoría externa encargada a un experto informático ante as sospeitas de que a plataforma de voto, creada 'ad hoc' para o proceso após prescindirse das anteriores empresas que xestionaban o sistema, presentaba "numerosas deficiencias".
Ademais, reclaman que a coordinadora publique as dúas auditorías encargadas após a denuncia contra tres membros do comité electoral acusados de acceder irregularmente ao censo electoral. Este feito desencadeou unha grave crise que permanece lonxe de pecharse coa constitución do Consello e que poderían terminar nos tribunais.
De feito, as primarias de En Marea xa chegaron aos xulgados. Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías saínte e aliñado co sector crítico, presentou unha denuncia nun xulgado ourensán na que asegura que a coordinadora cometeu "ilegalidades", polo que pide a anulación das votacións.
RESULTADOS
Así as cousas, os de Villares controlarán o órgano de dirección de En Marea após obter o 60 por cento dos votos nas primarias, o que se traduce en 21 dos 35 postos do Consello, que recaen en Luís Villares, Ana Seijas, Francisco 'Pancho' Casal, Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez, María Dolores Candedo, Ramón Veras, Elena Cores, Adrián Dios, Carmen González, Xabier Pérez, Mónica Díaz, Víctor Álvarez, Teresa Burgo, Xoán Losada, Ánxeles Faraldo, Xoán Hermida, Lida Senra, Marcos Besada, Iris Malvido e Javier Arca.
Por parte da candidatura 'Entre Todas' --apoiada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Ferrol, Santiago e A Coruña-- as 14 persoas que resultaron electas son David Bruzos, Oriana Méndez, Xan Xove, Saínza Ruíz, Iván Rodríguez, Isabel Faraldo, Marcos Cal, Sigrid Campo, René Gamborino, Gladys Afonso, André Seoane, Julia Torregrosa, Borja San Ramón e Loreto Taibo.
Ademais, os inscritos de En Marea tamén renovaron a Comisión de Garantías, que estará integrada exclusivamente por afíns a Villares: Victoria Esteban, Xurxo Triñanes, Sandra Pesqueira, Héctor Vizoso e Concepción Rodríguez Fariña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.