SOS Sanidade Pública dubida dos criterios para seleccionar o grupo de expertos que reorganizarán a Atención Primaria

A plataforma considera que crear responsables de xestión primaria mantendo as actuais áreas é "manter a subordinación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A asociación SOS Sanidade Pública cuestionou os criterios utilizados pola Xunta de Galicia para seleccionar ao grupo de expertos que abordarán os problemas da Atención Primaria e realizará propostas para a súa reorganización.

Reunión SERGAS colectivos sanidade
Reunión SERGAS colectivos sanidade | Fonte: Consellería de Sanidade

Nun comunicado remitido aos medios, SOS Sanidade Pública mostrou o seu temor a que este órgano sexa utilizado polo Goberno galego para "iniciar a privatización do nivel primario" de forma que continúe a "senda do hospitalario". E é que, para esta asociación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está "deslexitimado para arranxar nada". "Onte non había ningún problema e hoxe hai que tirar e inventar outro modelo", censurou. Nesta liña, considera que a creación deste grupo é unha "resposta urxente" dunha "administración desbordada" pola "rebelión e protesta" da gran maioría de profesionais de Atención Primaria.

"Esta comisión non ten nada que ver coa creada polo Plan de Mellora de 2007, na que estaban representadas case todas as organizacións da Atención Primaria", sinalou SOS Sanidade Pública, que considerou tamén que "crear responsables de xestión primaria" mantendo as actuais áreas de xestión supón "manter a subordinación" dos centros de saúde. Por todo iso, a asociación reiterou a súa esixencia de abrir un proceso de negociación con todas as organizacións do nivel primario "sen excepcións".

CARTA DUN CONCELLEIRO DO GROVE

Por outra banda, o edil do Concello do Grove (Pontevedra) Francisco Javier Caneda (PSOE) remitiu unha carta dirixida ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que denuncia as "demoras" que se producen nas consultas do centro de saúde da localidade pontevedresa.

Así, o responsable de Sanidade do consistorio do Grove asegura que "desde hai anos" os pacientes da zona "empezaron a ter que esperar cada vez máis días para ter unha consulta co seu médico de familia", unha situación "que se agrava" durante os períodos vacacionais ou cando algún facultativo está de baixa, ausencias que "non se substituyen ou só se substituyen parcialmente". Segundo Javier Caneda, a "solución" dos pacientes é acudir aos Puntos de Atención Continuada (PAC), aos que recorren á hora de solicitar "a renovación das receitas ou que se faga un seguimento dunha patoloxía crónica". "De verdade cre vostede que a PAC son o lugar para isto?", pregúntase o concelleiro dirixíndose ao responsable de Sanidade do Goberno galego.

Así as cousas, insta a Feijóo e Almuiña a adoptar medidas para pór fin á "saturación" do centro de saúde do Grove, onde chegan a atenderse "máis de cincuenta pacientes ao día". "Se non se adoptan medidas con urxencia e non se substitúen completamente as baixas, a situación de descontento e protestas tornarase nunha situación de caos e colapso da atención primaria na vila do Grove", alerta o edil socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Feijoo e todo o seu equipo a través dos medios subvencionados iniciaron a súa campaña de desprestixio dos Xefes de Servizo de Atención Primaria de Vigo. E NON aceptan a súas demisións! https://youtu.be/e85k0DfROJk Divide e Vencerás! Agora falan da figura do Enfermeiro Especialista (danche unha aspirina e dinche que agardes 15 días para ver ao médico... se non morres antes, podes ir a urxencias a ver se tes sorte!) // Mentras a xente que pode pagar está fuxindo cara aos Seguros Médicos Privados !!! Non máis colaboracionismo con este Sergas Asasino! E levar aos xerentes ante os Tribunais !!!