Feijóo non ve serios os orzamentos de Pedro Sánchez

Acusa o presidente de "intentar enganar" a Europa e querer "pactar coa extrema esquerda un orzamento que incrementa débeda e déficit" e que rexeita Ciudadanos, PP e os seu posible aliado da extrema dereita en Andalucía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2019 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ve "moi difícil tomarse en serio" que o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, "quere facer un orzamento que respecte os compromisos de España como país da Unión Europea e os principios básicos da recuperación económica".

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, tras o Consello. ANA VARELA/XUNTA - Arquivo / Europa Press
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, tras o Consello. ANA VARELA/XUNTA - Arquivo / Europa Press

Así se pronunciou en relación ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2019 que o Consello de Ministros prevé aprobar este venres. Preguntado polos xornalistas nun acto na Estrada (Pontevedra), Feijóo acusou a Sánchez dun "atraso" na tramitación das contas de "nin máis nin menos" que un cuadrimestre, antes de atribuírlle o intento de "enganar ás autoridades europeas co anteproxecto" e a vontade de "pactar coa extrema esquerda un orzamento que incrementa a débeda e o déficit".

"É evidente que non hai neste momento ningún orzamento coñecido en España e debería ser o mes en que empezase a aplicarse o orzamento, non o mes no que empece a presentarse", expuxo o titular do Executivo autonómico.

Así, criticou que se acumula "un atraso na presentación do orzamento nin máis nin menos que dun cuadrimestre". "As comunidades autónomas estamos sen certezas no que a entregas a conta se refire", engadiu.

"INCERTEZA"

Ademais, agregou que "practicamente todas as administracións públicas en España están nunha incerteza orzamentaria importante como consecuencia da falta dun orzamento xeral do estado". Neste contexto, Núñez Feijóo afirmou non coñecer "os avances na negociación orzamentaria do Goberno central".

"Ao contrario, perdeu tanto tempo en intentar non cumprir o déficit público, en intentar enganar ás autoridades europeas co anteproxecto de orzamentos e en intentar pactar coa extrema esquerda un orzamento que incrementa a débeda e o déficit que é moi difícil tomarse en serio que o presidente do Goberno quere facer un orzamento que respecte os compromisos de España como país da Unión Europea e que respecte os principios básicos da recuperación económica", aseverou.

De "o que se coñece" das contas do estado, Feijóo censurou que implican "máis déficit, é dicir máis gasto e máis débeda pública". "E ao final as débedas páganse e o Banco Central Europeo xa non vai comprar débeda soberana dos países", advertiu. "Iso significa", segundo resolveu, "que os países teñen que colocar nas entidades financeiras a débeda pública nova que emitan".

Xa que logo, resumiu que a situación é "moi complicada" e que entraña "unha enorme incerteza orzamentaria en España", ao seu xuízo, "agravada por unha profunda incerteza política".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta