Temas: IMPOSTOS POIO

O goberno de Poio acusa o PP de mobilizar aos veciños "con mentiras e datos falsos"

O Partido Popular convocou a protesta cidadá 'Rodea o Concello de Poio', que terá lugar o domingo 20 de xaneiro, contra os impostos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O alcalde Poio, Luciano Sobral (BNG), acusou ao Partido Popular de mobilizar aos veciños "con mentiras e datos falsos", en resposta á convocatoria do acto público de protesta cidadá 'Rodea o Concello de Poio', que terá lugar o domingo 20 de xaneiro, contra os impostos.

Luciano Sobral
Luciano Sobral

"Sempre está ben vir abrazar ao concello de Poio", ironizou o alcalde nacionalista, que interpreta a convocatoria do PP como froito da "desesperación" logo de organizar "sen éxito" outras medidas de protesta "con mentiras e datos falsos".

Luciano Sobral afirmou que se pretende pór a Poio como un dos concellos máis caros e iso é totalmente falso" xa que este municipio se atopa "na metade da táboa" en canto á presión fiscal en concellos galegos de entre 10.000 e 20.000 habitantes.

A tenente de alcalde, a socialista Chelo Bicada, tamén valorou como "lamentable" a convocatoria do Partido Popular, tendo en conta que un dos motivos da protesta é o Imposto de Bens Inmobles (IBI) "subiuno o señor Rajoy a golpe de decreto ata o 0,50%", e no caso de Poio "non se aproveitou desa conxuntura" senón que o baixou ao 0,47%.

Poio ocupa o 14º posto na provincia en canto a poboación e o lugar número 29 respecto ao tipo de IBI, segundo datos do Catastro e do Consello de Contas. Ademais, as taxas permanecen conxeladas sen revisións nos últimos seis anos.

Chelo Bicada pediu ao Partido Popular que se preocupe pola "ausencia" de investimentos do Goberno de Núñez Feijóo e por outros proxectos estruturais "que están paralizados por culpa da Xunta de Galicia", como son as melloras dos portos de Covelo e Raxó, a construción dunha nova depuradora, o desenvolvemento do polígono comercial de Fragamoreira, ou a dotación dun novo Centro de Saúde.

"Sempre está a mentir e enganando aos nosos veciños e veciñas", acusou a tenente de alcalde ao portavoz local do PP e deputado provincial Ángel Moldes, a quen desexa que o próximo 26 de maio, nas eleccións municipais, "os veciños lle dean o que se merece".

Temas: IMPOSTOS POIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta