A Xunta prevé que a nova estación de autobuses de Santiago estea concluída en xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reprocha ao concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, o atraso nos accesos e o edil replica que se finalizarán en prazo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A nova estación de autobuses integrada na intermodal de Santiago de Compostela estará finalizada ao redor de xaneiro de 2020, despois de que xa se executou algo máis do 10% do orzamento previsto de 10,3 millóns de euros, mentres que os accesos e a nova pasarela cuberta estarán rematados cara a mediados dese ano.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas | Fonte: Europa Press

Así o destacou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na visita que realizou este venres ás obras, acompañada dos técnicos da empresa Acciona que se encarga dos traballos, e do concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, ao que reprochou os atrasos na licitación do proxecto de accesos, con resposta do edil de que o importante é a "calidade".

Durante a supervisión das obras, Ethel Vázquez puxo en valor o traballo "titánico" e "inxente"  para impulsar o proxecto da "estratéxica" estación de autobuses que se integrará na intermodal de Santiago e que permitirá un "salto cualitativo no transporte público" e "a conexión entre barrios historicamente separados".

Ante a previsión de que en xaneiro se finalice a escavación" e se poida iniciar a cimentación, Ethel Vázquez manifestou a súa satisfacción polo avance dun proxecto "ambicioso no seu deseño", que suporá a construción dun edificio de "dous andares" e "36 dársenas", ademais dun novo miradoiro.

"É unha obra estratéxica, que permitirá que Santiago estea preparada para a chegada da AVE e o Xacobeo de 2021 e estea finalizada a principios de 2020", remarcou.

En canto á pasarela cuberta que enlazará a zona norte da estación co sur, Ethel Vázquez avanzou que se está "ultimando a licitación". O seu prazo de execución estimado é de 18 meses, co que se finalizaría en torno ao verán de 2020.

Trátase dunha obra, cun orzamento de 5,6 millóns de euros, á que a Xunta achega 1,8 (30%), o Concello outros 1,8 millóns (outro 30%) e Adif o 40% restante, de 2 millóns.

ACCESOS, PENDENTES DA LICITACIÓN POR PARTE DO CONCELLO

No referente aos novos accesos a través da rúa Clara Campoamor, que dependen do Concello, o edil Jorge Duarte apuntou que prevé que non haxa atrasos nos prazos previstos, a pesar de que aínda non se licitaron as obras.

O feito de que o goberno local de Compostela Aberta non obtivese o apoio da oposición para aprobar os seus orzamentos provocou que se vaia ter que realizar unha modificación de créditos para proceder á súa licitación.

Con todo, Jorge Duarte minimizou o atraso que podería supor este trámite e incidiu en que "é un proxecto importante para a cidade" sobre o que "debería haber consenso para aprobar no pleno o modificativo", este mesmo mes de xaneiro.

Admitiu que haberá un atraso na licitación de aproximadamente "un mes", pero asegurou que isto "non suporá "ningún problema" para cumprir cos prazos, porque as obras, previstas para 12 meses, poderíanse incluso concluír en "nove meses". Deste xeito, sostén que estaría finalizada cando se conclúa a pasarela, que conta cun "prazo de execución" de 18 meses.

"Estamos a empezar a expor como sería o modificativo, para nós o importante é que todo avanza a bo ritmo, coordinadamente, antes falaba Ethel dos prazos, pero eu sempre falo que máis que os prazos o importante é a calidade do proxecto, porque é unha obra fundamental para o futuro da cidade", asegurou.

Unhas afirmacións que xeraron a resposta inmediata da conselleira, que reprochou que non se licitou xa a construción dos novos accesos.

"A min o que me gustou, permíteme Jorge, tamén o fago co meu persoal, é que se se tivese licitado antes non habería ese problema, pero é unha cuestión que debe resolver o Concello como o resto de administracións cando temos problemas orzamentarios, urbanísticos ou administrativos, a responsabilidade da administración é resolver problemas", replicou.

O reproche derivou nun intercambio de opinións entre a conselleira e o edil, para o que "o importante é que todo avanza a bo ritmo, coordinadamente", pondo en primeiro lugar que "máis que os prazos o importante é a calidade do proxecto, porque é unha obra fundamental para o futuro da cidade".

Ethel Vázquez respondeu que "nunca" descartou a calidade", pero "calidade como e cando", fronte ao que Jorge Duarte defendeu que fronte á afirmación de que "hai que ir rápido, rápido", "hai que ir ben". "Levámonos ben, eh", resolveu o concelleiro, limitando as discrepancias a cuestións profesionais, de diferenzas entre "arquitectura" e "enxeñería".

ESTACIÓN DE AUTOBUSES CON 36 DÁRSENAS

Conforme aos datos xerais contemplados no panel instalado no lugar das obras, a superficie total construída da nova estación ascenderá a 8.870 metros cadrados e contará con 19 dársenas de transporte interurbano, 6 de transporte metropolitano e 11 prazas para regulación. O orzamento de licitación alcanza os 10,39 millóns de euros.

No momento actual, xa se realizou a roza, a demolición das naves de Koipe e a escavación da maior parte das terras, que está previsto que finalice este mes, tras a retirada de case 100.000 metros cúbicos de terra, segundo explicou o responsable do seguimento da obra, José Luís López Cousillas.

A conselleira puxo tamén en valor o investimento da Xunta para outras estacións intermodais en Galicia, coas "obras" xa iniciadas das de Ourense e Vigo.

Cuestionada sobre a ausencia do alcalde de Santiago no acto, Ethel Vázquez rexeitou pronunciarse sobre os "actos institucionais" do rexedor. "Nós acudimos á visita das obras, en canto aos técnicos dinmo", e "a Xunta acode a unhas obras que está a financiar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta