Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 12:00
Santiago de Compostela promocionará esta semana na feira de turismo Fitur os atractivos da cidade no ámbito literario, no dos congresos e como estudio de cine, ademais de como destino de vodas, lúas de mel e celebración de aniversarios.
O alcalde, Martiño Noriega, desprazarase este xoves ata Fitur para realizar unha presentación da cidade a profesionais e medios de comunicación. Esta presentación virará ao redor de catro produtos nos que Turismo de Santiago traballará ao longo de 2019, o Turismo Literario, ao redor da figura de Rosalía de Castro como embaixadora da cidade; e no turismo para celebración de eventos como enlaces, aniversarios ou lúas de mel, baixo a marca 'Santiago dos Bos Amores'.
Ademais, fomentarase o Turismo de Congresos e Incentivos, coa creación de novas ferramentas de promoción dirixidas a profesionais destes segmentos; e o Turismo de Cine, incluíndo a solicitude de adhesión á Rede de Cidades Creativas da UNESCO na categoría de Cine, que se fará neste 2019.
A concelleira de Turismo participará tamén o xoves na presentación da Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico de Galicia, xunto cos representantes da Xunta de Confrarías da cidade. Será o primeiro ano no que a Semana Santa da cidade conte con este recoñecemento.
A maiores, Turismo de Santiago conta na cita cunha "ampla axenda de entrevistas e reunións de traballo" con múltiples profesionais do sector, desde axencias de viaxes ata compañías aéreas, pasando por organizadores de congresos ou medios de comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.