Coñece os teus dereitos como bolseiro en prácticas empresariais

Comisións Obreiras iniciou unha campaña para informar sobre os mozos sobre o seus dereitos laborais durante o período de prácticas, xa que, en moitos casos, "están a ser explotados". "Case 20.000" non perciben remuneración económica, segundo asegura o sindicato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras iniciou unha campaña para informar  sobre os seus dereitos laborais aos mozos que realizan prácticas en empresas e que, en moitos casos, "están a ser explotados, facendo o traballo dunha persoa asalariada, sen titor, ou facendo un labor que non ten nada que ver cos estudos que realizou".

Así o explicou o secretario de Mocidade de Comisións Obreiras Galicia, Omar Ceveira, quen, acompañado pola secretaria de Emprego, Maica Bouza, presentou este xoves a iniciativa nunha rolda de prensa.

Titulada 'Tes bolsa ou tes traballo?', a campaña está dirixida aos 34.000 mozos que na actualidade realizan algún tipo de prácticas en empresas de Galicia e está especialmente enfocada aos "case 20.000" que, segundo o sindicato, non perciben remuneración económica.

Omar Ceveira explicou que estes mozos atravesan unha situación de "precaridade" laboral con "dúas vertentes moi marcadas". Por unha banda, as condicións "estritamente" laborais -"rotación, baixos salarios e contratos temporais ou a tempo parcial"- e, por outro, o "camiño" que atravesan os mozos desde que conclúen os seus estudos ata que asinan o seu primeiro contrato.

Comisións afirma que constatou que "en moitos casos as condicións" dos bolseiros "non son respectadas", polo que, agora, inician unha campaña para informar a este colectivo sobre os seus dereitos.

CENSO E ESTATUTO

O sindicato denuncia que as estatísticas non reflicten a realidade destas persoas, o que "dificulta" a súa "visibilización". Deste xeito, reclama que se elabore un censo que recolla a "todos os mozos" que realizan prácticas, especialmente no caso das "non laborais".

Maica Bouza tamén propuxo a creación dun estatuto do bolseiro, un colectivo que, segundo as cifras de Comisións, agrupa a 34.000 persoas en Galicia, das cales 20.000 realizan prácticas non laborais sen remuneración.

Estudantes.
Estudantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta