En liberdade dous dos detidos por agresión e roubo en Chantada, e prisión para un terceiro implicado

As investigacións levan a un cuarto home implicado, pero que non foi identificado

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/02/2019 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución de Chantada (Lugo) acordou a posta en liberdade de dúas das tres persoas detidas por agredir e roubar a un veciño. Con todo, terán a obriga de comparecer mensualmente, ademais de retirárselles o pasaporte e ter prohibido saír do territorio nacional.

Para o terceiro detido, foi ditada prisión provisional comunicada e sen fianza. Todos eles foron investigados por tráfico de drogas, ameazas con armas de fogo, detención ilegal e roubo con violencia e intimidación.

Das investigacións despréndese, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que hai un cuarto home implicado, pero que non foi identificado.

A Garda Civil detívoos no marco da 'Operación Wailit'. Os feitos tiveron lugar na madrugada do pasado 19 de xaneiro no termo municipal de Chantada cando varias persoas se apearon dun turismo e abordaron a un veciño, a quen meteron "á forza" nun coche tras agredilo. 

Detención da Garda Civil. GARDA CIVIL
Detención da Garda Civil. GARDA CIVIL

Conducírono ao seu domicilio e, unha vez no interior, subtraéronlle a súa documentación persoal, teléfono móbil e xoias de ouro. Mesmo chegaron a ameazalo de morte cunha arma corta se non efectuaba o pago dunha débeda contraída cos agresores.

Segundo informou o Instituto Armado, os detidos son tres veciños de Ourense de 25, 37 e 37 anos de idade, que foron arrestados como presuntos autores dos delitos de roubo con violencia e intimidación, detención ilegal, ameazas de morte con arma de fogo e tráfico de drogas. Interviñéronselles  200 gramos de cocaína, munición de distintos calibres e diñeiro en efectivo. 

Esta operación foi coordinada e dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Chantada, a cuxa disposición serán postos os detidos este mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta