Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2019 | Actualizada ás 22:00
O pasado ano coñeciamos un estudo elaborado pola Real Academia Galega no que se poñía de manifesto a “creba” na transmisión xeracional do galego. Apuntaba a un “proceso acelerado de monolingüización en castelán” entre os máis novos que, sen ánimo de incorrer nun discurso pesimista, deixaba entrever unha situación pouco alentadora para o idioma. Porén, a análise depositaba certa esperanza no papel revitalizador que puideran supoñer as persoas neofalantes. Son elas a garantía de futuro do galego?
“Non sei se os neofalantes son a clave. Son importantes, claro, pero non me atrevería a dicir tanto”, opina Xosé Luís Regueira, director do Instituto de Lingua Galega (ILG). “Necesitamos neofalantes, iso si, e necesitamos máis, porque son máis importantes cualitativamente ca cuantitativamente”. Aínda tratándose dunha masa de poboación “case anecdótica”, fomentan unha “visibilización” esencial e inclúen novas perspectivas e debates interesantes no eido da sociolingüística.
Coincide, entón, coa conclusión que se extrae desa análise da RAG, onde se di que o colectivo de neofalantes “constitúe un grupo lingüístico moi activo, portador de ideoloxías de recuperación lingüística e que, dado o seu perfil, pode incidir significativamente sobre o status etnolingüístico do grupo”.
"TODO NEOFALANTISMO É IDEOLÓXICO"
Sobre ese perfil, Regueira destaca que adoitan ser “persoas novas, de ámbitos urbanos, modernas…”, afastadas deses “estereotipos de ruralidade e vellez” que se lle teñen atribuído historicamente ao galego. A vantaxe que implica isto é que introducen unha serie de discursos que “tamén necesitamos”, porque o galego debera ser diverso e ter presenza nas “distintas capas sociais, ideoloxías…”
E é que, segundo Fernando Ramallo, profesor na Uvigo e experto nesta materia, “todo neofalantismo é ideolóxico, en maior ou menor medida consciente”. Nun artigo 1 publicado no último número da revista A Trabe de Ouro, el refírese a esa especie de misión de salvar o idioma que acompaña o procedemento de mudanza lingüística cara ao galego. Isto é, hai neles unha visión crítica respecto da “decadencia” da lingua e achan certa responsabilidade á hora de reverter esa situación.
Ramallo entende, así, que o neofalante é un suxeito en certo modo temporal, “que quedará superado cando volva reactivarse a transmisión lingüística interxeracional”, esa que a RAG considera paralizada actualmente.
POÑER O FOCO NA MOCIDADE
En cambio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, coida que o futuro da lingua xa está asegurado de sobra cos galegofalantes e amósase escéptico ante unhas estatísticas que sinalan unha perda de voces na lingua de noso. Con todo, tamén recoñece o papel determinante desas persoas que se definen como novos falantes.
Aposta por “convencer” a máis xente para que empece a expresarse en galego, ao tempo que cómpre deixar claro que “non son galegofalantes de segunda, aínda que non falen galego todo o día ou aínda que non o falen con total corrección”. Nese sentido, admite que unha das tarefas que deben cumprir as institucións é a de crear espazos de normalización e “xerar discursos” para que a sociedade “acepte” estes actores lingüísticos sen prexuízos.
A principal liña de actuación oriéntase ás crianzas e á mocidade, explica Valentín García. Pon como exemplo o proxecto ‘21 días co galego’, desenvolvido en varios centros educativos das catro provincias co obxectivo de fomentar o uso da lingua dentro e fóra das aulas. Porén, o de García é un discurso con certas contradicións ou, cando menos, con mostras de resignación: “Igual que os nenos entenden que o castelán non é tan común no mundo dos videoxogos, ao que asocian máis o inglés, teñen que entender que o galego, de momento, ten algunhas limitacións nalgúns ámbitos”, afirmou.
AS CONCLUSIÓNS
Á fin, para o presidente do ILG, Xosé Luís Regueira, o que máis impacto terá é, sobre todo, a “cuestión de construción de identidade neofalante” ou, dito doutra maneira, a súa incipiente constitución como grupo. “Iso é o que me parece a min interesante, porque desde ese punto de vista tamén reforzan a súa posición”, precisa.
Pola súa banda, Fernando Ramallo, noutro artigo 2encadrado nunha obra editada polo Consello da Cultura en 2013, falaba de que “con máis ou menos intensidade, esta minoría activa [o neofalantismo, situado sobre todo nos ámbitos urbanos] está exercendo un papel relevante na transformación das ideoloxías e das prácticas lingüísticas”.
Se ben aínda vía lonxe que este fenómeno puidese chegar a compensar o proceso de substitución lingüística que viviu Galicia no último terzo do século pasado, aseguraba que “sen neofalantes é difícil albiscar unha solución favorable para a lingua".
(1) - Ramallo, Fernando (2018). "A Galicia neofalante". A Trabe de Ouro, 109, 11-22.
(2) - Ramallo, Fernando (2013). “Neofalantismo”. En: E. Gugenberger; H. Monteagudo & G. Rei-Doval (ed.). Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 245-258
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.