Youtubeir@s quere multiplicar a comunidade galega na rede

"Falar galego é normal na nosa vila. Queremos que tamén o sexa en Internet". Esa é a meta do proxecto, que presenta a súa terceira edición con novidades no certame audiovisual: máis categorías e máis diñeiro en premios. O obxectivo é "consolidar" unha iniciativa na que xa participaron máis de 400 persoas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A comunidade galega na rede volve poñer as gafas vermellas de Youtubeir@s para demostrar que é posible "encher Internet" co noso idioma. Este proxecto de normalización lingüística arrinca a súa terceira edición co obxectivo de "consolidar" e "multiplicar" o colectivo de creadores nacido en edicións anteriores. Un certame audiovisual, campañas de difusión e cursos de formación son as tres patas sobre as que se asenta a iniciativa, apoiada polas tres universidades, trece concellos e a Deputación da Coruña

Youtubeir@s tamén desenvolve obradoiros para fomentar a creación audiovisual en galego
Youtubeir@s tamén desenvolve obradoiros para fomentar a creación audiovisual en galego

Na mañá deste mércores, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu a presentación da nova convocatoria en presenza dos representantes das institucións que a promoven. Na iniciativa están envoltos os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, así como a Deputación da Coruña e as tres universidades galegas.

A coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia, explicou que, tras dúas edicións nas que participaron "máis de 400 persoas", o que se busca agora é "ser máis ambiciosos" e "crear unha gran comunidade" de youtubeiras e youtubeiros. Para iso, iníciase unha vez máis  o xa coñecido concurso audiovisual, que este ano conta con novidades nas categorías e cunha ampliación na dotación económica.

Hai, ademais, outra nova liña de traballo: Youtubeir@s en conexión. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti San Martín Rei, fixo fincapé na participación da entidade en dous eventos que se desenvolveran ao abeiro deste programa co fin de "crear ligazóns" entre os propios creadores, ademais de co público. Lista de reprodución ao vivo e Xornada para Youtubeir@s son as dúas ocasións pensadas para "crear sinerxías" e para fomentar que o galego o "inunde todo", segundo propuxo San Martín. 

"FALAR GALEGO É NORMAL EN RIANXO. QUEREMOS QUE TAMÉN O SEXA NA REDE"

Esa mesma intención de poñer en valor o galego e espallalo polo mundo virtual tamén estivo presente na intervención da concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Rianxo, Raquel García Abuín. Dito concello súmase ao proxecto por primeira vez, movido precisamente pola participación dalgúns veciños do municipio en convocatorias pasadas. 

Miguel Silva (Aquel-e) ou Román Castaño (As cousas do Choio) son dous rianxeiros que lograron facerse con algún premio no 2018. "Eles comezaron a expresarse en galego na rede porque é o normal en Rianxo. Queremos que o que é normal na nosa vila tamén o sexa na Internet", afirmou a concelleira de Normalización Lingüística.

Xustamente o labor dos técnicos municipais na área de dinamización do galego foi outro dos puntos que se resaltou durante o acto. Tanto o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, como o de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, puxeron o acento sobre a importancia de fomentar a lingua dende as institucións locais.

Pola súa banda, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijóo, incidiu en que "unha misión específicas das universidades galegas é defender a nosa lingua". "Un idioma é un elemento que hai que coidar. Se non, pode esmorecer", aseverou.

CERTAME

O concurso deste ano chega con importantes novidades nas súas bases, tanto nas categorías como nas contías económicas dos premios. Deste xeito, ás categorías de 'vídeo-facermos', 'vídeo-opinarmos' e 'Mellor canle', súmase a de 'Vídeo-cantarmos'. Trátase de "visibilizar todo o talento artístico" que hai en Galicia arredor da música.  Os galardóns destinados a estas categorías están dotados de 1.000 euros. 

Amais diso, continúa estando presente a #propostayoutubeira, onde é o público o que elixe que vídeo é merecedor de obter un galardón.  Por outra banda, tamén se recompensará a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística. Neste caso, a contía ascende a 500 euros.

Sendo así, a dotación económica total supón uns 6.500 euros, mil máis ca na edición pasada. O prazo de inscrición comeza hoxe mesmo, 13 de febreiro, e manterase aberto ata o vindeiro 27 de setembro. 

PARTICIPANTES DE TODAS AS IDADES

Na presentación do proxecto falouse tamén da trascendencia deste proxecto, aludindo á repercusión que están tendo algúns dos participantes de edicións anteriores. O Aquel-e, Chola It Girl ou As cousas do Choio son algúns dos máis coñecidos e máis virais na Internet. De feito, o último está nominado aos Mestre Mateo 2019, na categoría de Mellor webserie. 

Aínda que é un proxecto pensado inicialmente para os máis novos, o certo é que os propios organizadores de Youtubeir@s recoñecen ter levado algunhas sorpresas coas propostas participantes. "Hai xente dende os 18 e ata os 80 anos", precisan. A coordinadora do proxecto pon de exemplo ao protagonista d'As cousas do Choio ou ás mulleres de Teño unha horta de San Sadurniño. "Foron todo un fenómeno", asegura. 

Outro dos piares que consideran fundamental dende a organización do proxecto é a formación, polo que se desenvolverán cursos e obradoiros destinados principalmente á comunidade educativa. "Vimos que as nenas e os nenos se movían moito polas redes e, sobre todo, por Youtube. Pero démonos conta de que eran usuarios, non tanto creadores", explica a coordinadora. "Dámoslles ferramentas", di, para impulsar que tamén eles fagan vídeos e partillen a nosa lingua no universo dixital. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta