Batas Brancas denuncia a corrupción no sistema de elección para xefes de servizo no SERGAS

O colectivo médico denuncia nun artigo de opinión enviado ao GC o atraso que entenden intencionado, para o acceso á xefatura de psiquiatría da área Pontevedra-Salnés. Ademais, sinalan unha serie de malos usos "intencionais" tanto dos recursos materiais como humanos por parte dos xestores das áreas sanitarias en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

Comunicado de Batas Brancas:

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Foron máis de 6 anos de loita administrativa e xudicial os que o Dr. Víctor Pedreira Crespo tivo que sufrir. No ano 2016 produciuse a primeira sentenza que daba a razón ao Dr. Pedreira, vertendo graves valoracións na actuación da xerencia, o Sergas e a Comisión de Avaliación pola súa falta de imparcialidade e “favoritismo” cara ao outro candidato elixido.

O Sergas, no seu intento de consolidar un dos actos máis “caciquís” que se cometeron na administración sanitaria e que nos causou maior vergoña a todos os profesionais, recorreu a sentenza, sendo novamente derrotado en outubro do 2017 con outra sentenza contundente e durísima do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

O caso da Xefatura do Servizo de Psiquiatría da EOXI de Pontevedra-Salnés (que non foi único) puxo de manifesto como, desde a creación das EOXI, se ten politizado a xestión sanitaria e como a Corrupción (en maiúsculas), o abuso de poder e o tráfico de influencias se apoderaron da Sanidade galega.

A atención dos Pacientes xa non é o principal obxectivo dos Políticos que están á fronte destas EOXI (chamados xerentes, intentando disfrazalos de postos técnicos). Pervertiuse todo o funcionamento dos hospitais e da Atención Primaria de Galicia. Estas estruturas organizativas concentraron todo o poder e, coa complicidade e total impunidade da Consellería, fan un mal uso “intencional” dos recursos humanos e materiais que deles dependen.

Os principios democráticos de igualdade, mérito e capacidade foron substituídos polos “dedocráticos” de parentesco, amigos, ex-políticos, compañeiros de partido ou afíns e servís. E o mantemento da provisionalidade (que é ilegal) nos cargos de xefaturas médicas do Sergas convértese na maneira de asegurar a fidelidade das mesmas ao poder.

E se hai unha xerencia onde se dan todos os exemplos que expuxemos, é a de Pontevedra-Salnés durante os anos en que foi dirixida por José Manuel González. Tampouco permiten un grande optimismo as actuacións do actual Xerente desta EOXI, Sr. Gómez, que desde a súa incorporación en febreiro do 2017, atrasou a execución da sentenza firme do TSXG no caso do Dr. Pedreira en máis de 14 meses. Conservando, irregularmente, ao seu ex compañeiro de Consellería, Sr. Gómez Tato, en dita xefatura, e que nos dous anos que leva no cargo, só cubriu 4 xefaturas de servizo do hospital de Pontevedra seguindo o procedemento regulamentario, estando, a data de hoxe, 19 xefaturas de servizo ou de sección autónoma en situación totalmente irregular e ilegal.

A falta de compromiso do SERGAS coa selección dos mellores para liderar a atención sanitaria ponse de manifesto no caos reinante: equipos directivos totalmente sobredimensionados, absurdos e ineficaces, contratacións irregulares, cesións de servizo ilegais, médicos sen funcións, nomeamentos irregulares, comisións de servizo con criterios totalmente subxectivos e por “enchufismo”, desprezo e faltas de respecto aos profesionais, represalias, etc. Todo isto dá unha idea da Corrupción reinante e do sistema clientelar que impera na nosa sanidade.

E o mesmo sistema Corrupto opera na contratación de bens e servizos (posto de manifesto, ano tras ano, nos informes do Consello de Contas) sen que a Consellería tomase un minuto para corrixilo; nos datos e sistema de listas de espera; nas derivacións a centros privados; no transporte sanitario; nos centros privados de hemodiálise; nos traballos de investigación e o seu financiamento; farmacia, etc.

As xefaturas de servizo, con dedicación exclusiva, tanto de primaria como dos hospitais, son postos clave dentro do sistema sanitario. Só a súa cobertura seguindo os principios de igualdade, mérito e capacidade, con sentido crítico e liderado e con total independencia do poder político garanten un Sistema Sanitario de calidade e con orientación total ao Paciente.

E esta Xefatura de Servizo de Psiquiatría, xunto á de Cirurxía do Clínico de Santiago, adxudicada ao marido da ex-conselleira Rocío Mosquera, e a de Dixestivo de Pontevedra, adxudicada a un integrante da Comisión para os tratamentos da Virus da Hepatite C (HCV) e asesor do Conselleiro, foron todo un símbolo de como se corrompeu e degradado todo o Sistema Sanitario Galego, que no seu momento, fora un exemplo de traballo ben feito para o resto de CCAA de España.

Batas Brancas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta