O afamado pianista James Rhodes actuará en Pontevedra no mes de maio

O ciclo Voices leva a artistas comprometidos socialmente. Neste caso, o británico é coñecido pola súa loita contra os abusos sexuais na infancia, dos que el mesmo foi vítima.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O pianista James Rhodes actuará en Pontevedra o  vindeiro 19 de maio. A cita musical terá lugar no Pazo da Cultura, ás 20.30 horas, no marco do ciclo Voices, organizado polo Concello. 

O pianista James Rhodes. PETER HUNDERT - Arquivo
O pianista James Rhodes. PETER HUNDERT - Arquivo | Fonte: Europa Press

Logo do seu paso por outras cidades galegas, como Santiago (o vindeiro 1 de marzo, no Auditorio de Galicia) ou A Coruña (2 de marzo, no Teatro Colón), Rhodes fará soar na cidade olívica pezas de Bach, Chopin e Beethoven.

Farao dentro dese proxecto Voices, que pretende levar a Pontevedra artistas que transcenden o ámbito musical por estar comprometidos con algunha causa social. E é que, ademais de ser un afamado pianista, o británico converteuse en mediático por abandeirar a protección dos menores e a loita contra os abusos sexuais na infancia, da que el mesmo foi vítima. 

A confirmación de Rhodes era a única que faltaba do tres que haberá en Voices, xunto a portuguesa Luisa Sobral (13 de abril) -autora da canción gañadora de Eurovisión 2017, interpretada polo seu irmán Salvador Sobral- e Lila Downs (21 de xuño).

As entradas saen á venda este mércores ás 12,00 horas de forma anticipada en ataquilla.com e na Casa da Luz por 24 euros. Están dispoñibles abonos para as tres citas por 58 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta