Sanidade promete un "orzamento específico blindado" para o novo modelo de Atención Primaria

O borrador, presentado onte ante os profesionais do sector, inclúe 175 medidas, das cales 75 son a curto prazo, cunha avaliación prevista para outubro. Dentro dun ano analizarase cos efectivos sanitarios o cumprimento doutras 53.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade compromete un "orzamento específico blindado" para Atención Primaria co fin de desenvolver o novo modelo deste nivel asistencial, tras presentar aos profesionais un borrador con 175 accións a curto, medio e longo prazo.

Así o ratificou, en declaracións a Europa Press, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen insistiu este xoves en que "unha vez que se acorde e pechen as accións, o orzamento vén detrás". No entanto, garantiu que "vai haber un orzamento como pediron para Atención Primaria".

Neste sentido, Aboal explicou que os profesionais teñen de prazo ata o 28 de febreiro para presentar achegas ao borrador feito público este mércores pola tarde, tras o que o documento "quedará pechado". Posteriormente, "nunha semana", na "primeira semana de marzo", avanzou, esperan poder presentar o texto definitivo.

Sobre as 175 accións recollidas no borrador, Aboal recalcou que 75 son a curto prazo, que avaliarán en outubro, e outras 53 a medio prazo, cuxo desenvolvemento analizarán en febreiro de 2020, transcorrido un ano. "É o que dá valor", asegurou o director xeral en relación con este novo modelo.

"Vou sentarme con todos e facer un balance de resultados", comprometeu en relación a estas 128 medidas a curto e medio prazo. Deste xeito, defende o feito de "dar a cara" e dicir o que se fixo, o que non e "por que". "Non é un documento de intencións", afirmou. "Comprometémonos a responder", sentenciou.

REIVINDICACIÓNS DOS MÉDICOS

Preguntóuselle se a creación dunha dirección de Atención Primaria en cada área sanitaria e o compromiso dun orzamento blindado supoñen o fin do conflito cos médicos dimisionarios de Vigo -que as incluían entre as súas reivindicacións- e con aqueles que se levantaron dos grupos de traballo. A respecto diso, Aboal aclarou que o borrador "responde as propostas dos colectivos" que participaron na súa realización con achegas.

Sobre os comentarios de profesionais que este mércores indicaron que a nova dirección de Atención Primaria supón unicamente un cambio de denominación, Aboal aclarou que "non é só un cambio de nome", senón que "se cambian as funcións", que se definen no documento. "Tratamos de dar resposta cun modelo con 175 accións", aseverou o director xeral de Asistencia Sanitaria, quen matizou que o documento se extrae dun "traballo moi intenso, refundindo 525 propostas en 10 grupos de traballo".

Con todo, Aboal comentou que a Subdirección Xeral de Atención Primaria, que dependerá directamente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, "vai facer un seguimento destas accións" e reiterou que "en outubro" se avaliarán os primeiros resultados.

MEDIDAS

Nun documento de 45 páxinas, o Sergas reuniu 175 accións, estruturadas en seis liñas estratéxicas e 45 obxectivos para o novo modelo de Atención Primaria de cara aos próximos 25 anos. Trátase de 75 medidas a curto prazo, 53 a medio e 47 a longo prazo.

Manifestación pola sanidade púlica en Ourense
Manifestación pola sanidade púlica en Ourense | Fonte: anova ourense

As accións responden a boa parte das peticións de profesionais médicos, de enfermaría, pediatría, matronas e outros. Entre outras, céntranse, segundo se expón no borrador ao que tivo acceso Europa Press, en "potenciar a figura da Xefatura e coordinación do servizo de Atención Primaria pondo en marcha accións que permitan aumentar a súa capacidade resolutiva". Ademais, apóstase por "reordenar as competencias dos profesionais" deste nivel asistencial.

Sobre a incorporación de novos profesionais, o texto concreta que este ano "se incorporarán 20 coa especialidade de enfermaría familiar e comunitaria" e 8 coa especialidade de enfermaría pediátrica.

Outras accións avogan por realizar un estudo sobre a reestruturación de persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) "para ofertar a posibilidade de integración en xornada ordinaria dos equipos de Atención Primaria". No documento indícase tamén que "se estudará a posibilidade de centralizar a xornada dos sábados". Outro dos compromisos avoga por "axustar os tempos da e-interconsulta a un máximo de dez días".

ORGANIZACIÓN DE AXENDAS

En relación á organización das axendas, o borrador sinala que "o xefe de servizo de Atención Primaria xestionará as axendas coa colaboración do propio profesional", co compromiso de resultados e "tendo en conta as características dos pacientes". Ademais, Sanidade asegura que a axenda do xefe de servizo "disporá de tempo reservado para as tarefas de xestión en función do número de profesionais do centro e da poboación asignada".

Mentres, sobre a demanda non programada ou urxente, especifícase que "a enfermaría actúa, presta asistencia e resolve como finalista", ou ben coordina "unha actuación compartida entre médico e enfermeiro" ou "deriva para a actuación que corresponda".

AUSENCIAS

Outras das demandas dos profesionais radicaba na cobertura das ausencias, sobre as que o borrador expón que "as ausencias do persoal serán cubertas polos profesionais das listas de contratación".

"En caso de indispoñibilidade de persoas nas listas, o xefe de servizo, tendo en conta as necesidades do centro e a súa autonomía de xestión, optará pola prolongación de xornada ou pola intersubstitución", recóllese no texto, que inclúe tamén unha medida para realizar un "estudo sobre a redistribución de cargas de traballo" para "reaxustar posteriormente as cotas en función das características sociodemográficas e a cronicidade".

"QUE É UNHA URXENCIA"

Outros puntos a medio prazo pasan por "identificar e definir un mapa coas prazas de difícil cobertura". Mentres, a curto prazo apóstase por realizar "campañas informativas dirixidas á cidadanía sobre o uso racional dos recursos sanitarios, acordadas cos profesionais antes da súa implementación".

A iso suman intervencións "informativas e educacionais" para "diminuír a medicalización da poboación" a través de exemplos como "educar no que é unha urxencia" e "no uso adecuado dos dispositivos sanitarios", incidindo  "nos pacientes hiperfrecuentadores.

Outras accións céntranse no plan de necesidades e priorización das mesmas, coa renovación de equipos e material, así como a implantación da "historia social única no ámbito da Atención Primaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta