O PPdeG prepara a celebración dos 10 anos de maioría absoluta de Feijóo

Os 'populares' reuniranse o 1 de marzo no Hotel San Francisco de Santiago para "pór en valor canto cambiou Galicia" desde 2009.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumprirá o vindeiro venres 1 de marzo unha década desde a súa primeira vitoria electoral, cunha maioría absoluta no Parlamento galego que permitiu desbancar ao goberno bipartito de PSdeG e BNG.

Alberto Núñez Feijóo na sesión de investidura.. EUROPA PRESS - Arquivo
Alberto Núñez Feijóo na sesión de investidura.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Os populares celebrarán este 10º aniversario o propio 1 de marzo ao mediodía, cun acto no Hotel San Francisco de Santiago no que intervirán, ademais do propio Feijóo, o seu número dous no Goberno autonómico, Alfonso Rueda, e o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.

Este evento, segundo indican fontes do partido, servirá para "pór en valor como cambiou Galicia" desde aquela primeira maioría absoluta conseguida no ano 2009 con 38 deputados do total de 75. Deste xeito, os populares destacarán "a estabilidade" na Xunta fronte o actual Executivo de Pedro Sánchez na Moncloa.

Durante o acto do 1 de marzo, Feijóo lanzará unha dobre mensaxe, segundo informan as mesmas fontes do PPdeG: "Por unha banda, agradecer á xente a súa confianza en tres ocasións, o que nos permitiu chegar ata aquí, e por outro explicar a esa xente en que traducimos o seu apoio".

"O QUE SE PODE FACER CANDO HAI ESTABILIDADE"

Tras tres maiorías absolutas consecutivas —2009, 2012 e 2016—, o actual presidente da Xunta fará balance "non só do que se fixo" nunha década, "senón que se fará unha mostra do que se pode facer cando hai estabilidade" cunha mirada "ao futuro".

Durante a semana que resta para a celebración do 10º aniversario das eleccións que terminaron co bipartidismo de Touriño e Quintana, o partido debullará os avances da última década en diversos ámbitos. Este venres, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, fará o propio en industria e emprego; o domingo, a viceportavoz popular no Parlamento galego, Paula Prado, ocuparase do conseguido en política social, incluíndo sanidade e educación; e xa o luns, o portavoz no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, fará balance en economía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta