A Xunta reduce a un só exercicio as oposicións de auxiliar de clínica para "axilizalas"

Haberá unha segunda proba para evidenciar o coñecemento do galego só para os que non teñan o certificado Celga 3.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

As oposicións para cubrir 305 prazas de auxiliares de clínica, que convoca este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG), terán un procedemento "máis áxil", segundo a Xunta, ao contar cun só exercicio de carácter obrigatorio e eliminatorio.

A Consellería de Facenda, segundo informa, introduce este cambio respecto de anteriores convocatorias co obxectivo de "axilizar todo o proceso", o que permitirá que as persoas que consigan unha praza de emprego fixo accedan antes á Administración.

Ademais desta proba obrigatoria, a convocatoria tamén inclúe unha segunda proba para evidenciar o coñecemento do galego, similar á que se realiza de maneira común nas convocatorias de emprego público da Xunta. Desta proba quedarán exentas todas as persoas que acrediten o certificado 'Celga 3' ou equivalente.

O primeiro exercicio, obrigatorio e eliminatorio, consistirá en contestar un cuestionario de 80 preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das que 20 corresponderán á parte común do programa e 60 á parte específica. A realización deste primeiro exercicio non poderá ter lugar antes do sete meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

A proba para demostrar o coñecemento do galego consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 30 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só una delas será a correcta. O cuestionario deberá recoller, obrigatoriamente, contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua --léxico, sintáctico e gramatical--- correspondentes ao nivel do 'Celga' requirido no proceso selectivo.

Unha vez finalizadas as probas correspondentes á fase de oposición, a Xunta procederá a avaliar os méritos que acredite cada aspirante, tendo en conta que esta convocatoria realízase a través do sistema de concurso-oposición.

As PRIMEIRAS PROBAS DESDE 2006

As oposicións convocadas hoxe no DOG son as primeiras que realiza o Goberno galego para auxiliares de clínica desde o ano 2006, e as persoas que consigan unha praza traballarán en centros de política social, de atención a maiores e de dependentes. A cifra de prazas ofertadas multiplica por seis a cifra da anterior convocatoria, na que se ofertaron 52.

A convocatoria establece que 76 das prazas se reserven para a quenda de promoción interna que, de non ser cubertas, acumularanse ás de acceso libre. Haberá igualmente 21 prazas reservadas para persoas con discapacidade, que tamén se acumularán ás de acceso libre no caso de non ser cubertas.

As persoas que queiran apuntarse nesta convocatoria teñen un prazo de 20 días hábiles que empezará a contar a partir de mañá. As oposicións son de acceso libre e, por tanto, poderase presentar calquera persoa que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria.

Os participantes deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa. Así mesmo, teñen que estar en posesión ou en condición de obter o título de técnico auxiliar de clínica (FP1), técnico auxiliar de enfermaría (módulo profesional nivel dous, rama sanitaria) ou técnico en coidados auxiliares de enfermaría (FP medio de sanidade).

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta