Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 17:39
O Pazo de Raxoi acolleu este mércores un singular acto no que alumnos do CEIP As Fontiñas, concretamente de 5º de primaria, protagonizaron un simbólico pleno infantil no que estes mozos realizaron chamamentos para concienciar sobre os dereitos das persoas con síndrome de Down e con discapacidade intelectual ou física.
Así o fixeron nun acto no que as mozas Silvia e Alicia acompañaron ao rexedor local, Martiño Noriega, na presidencia do salón de plenos, e en presenza tanto dos seus compañeiros, que ocupaban os asentos dos diferentes concelleiros, como de representantes dos diferentes grupos municipais.
Os mozos destacaron a accesibilidade como "unha vantaxe para todos os cidadáns", incidindo na importancia de eliminar barreiras para os cidadáns con problemas físicos, como situar descansos en rúas con pendente, ascensores en edificios sen eles, portas máis anchas para cadeiras de rodas ou información mediante pictogramas e melloras na sinalización.
Tamén fixeron fincapé na toma de medidas para garantir a igualdade de oportunidades, como a visibilidade a equipos deportivos femininos ou o impulso a formacións mixtas, a equiparación salarial, de acceso ao traballo, ou facilitar a disposición de prazas para persoas con discapacidade.
Finalmente, pediron campañas de concienciación e compromiso coa diversidade, para aprender a "vivir e a convivir" en igualdade, a través da inclusión de alumnos con discapacidade, a dotación de profesores de apoio, á denuncia do acoso e o respecto mutuo ás singularidades.
REFLEXO DA SOCIEDADE
Ante as peticións dos alumnos, Noriega destacou o papel do sistema educativo como "corrector das desigualdades", polo que os centros deben converterse en "reflexo" da diversidade que hai na sociedade. "É moi importante que respectedes aos demais como vos gustaría que vos traten a vós", sinalou, valorando a importancia da "empatía" como base de grandes avances.
Así mesmo, destacou que xa existen actuacións en edificios de nova construción e a existencia de axudas á contratación, e para obras en edificios antigos para solucionar problemas de accesibilidade, mediante a instalación de ascensores e outras accións.
Por parte do BNG, Goretti Sanmartín valorou que queda "moito" por facer en materia de igualdade e cuestións que afectan tanto o Goberno local, como no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados ou o Parlamento Europeo. Neste sentido, sinalou a importancia das campañas de sensibilización e fomento da igualdade, aínda que "moitas veces" fan falta recursos "para levar a cabo" actuacións máis en profundidade.
Paco Reyes, do grupo socialista, sinalou que os grupos municipais chegan a "moitos acordos" para instar ás distintas administracións con competencia neste tipo de cuestións, incidindo na importancia de tender cara á "equidade". "Nós somos moito máis que a suma de cada un de nós", incidiu. Finalmente, a popular María José Castro resaltou a importancia do fomento da calidade humana, da comprensión do compañeiro, a empatía e a bondade, ademais de sinalar que os recursos "son limitados" e quizais se deberían deixar de achegar a "outras cousas máis superficiais"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.