Olalla López, investigadora: "Temos unha inestabilidade constante e esgotadora, sobre todo as mulleres"

Esta antropóloga coordina o ciclo 'As mulleres dos mortos', na USC, que visibiliza os estudos feitos en Galicia, porque "non hai que pensar só en Cambridge ou Oxford". Falamos con ela tamén sobre a precariedade laboral e sobre como aplicar a perspectiva de xénero nas investigacións: "Nós traballamos con esqueletos de mulleres. Por que van ter que ser sempre homes?"

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 21/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Olalla López-Costas é bióloga e antropóloga física. Actualmente, traballa no grupo de investigación Ciencia do Sistema Terra da USC e, xunto con María Loureiro García, coordina o ciclo de charlas 'As mulleres dos mortos' na Facultade de Bioloxía da USC. As conferencias, todas elas impartidas por voces femininas referentes no seu eido, pretenden dar a coñecer a importancia das investigacións en esqueletos humanos: dende as momias exipcias ata a exhumación de corpos das fosas comúns da Guerra Civil. Conversamos con Olalla de arqueoloxía, pero tamén da figura das mulleres na investigación científica, dos prexuízos ou da precariedade laboral.

Olalla López Costas estudou os xacementos do castro da Lanzada, no Grove
Olalla López Costas estudou os xacementos do castro da Lanzada, no Grove

 

- O nome deste ciclo de charlas é ben curioso: 'As mulleres dos mortos'. Que queriades transmitir con este título?

A idea era poñer en relevancia as mulleres investigadoras. Ademais, temos a sorte de que o galego permite todas esas crebas de significado. 'As mulleres dos mortos', ademais de indicar unha profesión, tamén mostraba moito máis claramente a nosa vinculación co material que estudamos, neste caso cos esqueletos.

 

- Visibilizar ese traballo é o que vos moveu a poñer en marcha estas actividades. Non se adoita ter en conta?

Investigadores da USC nunha protesta contra a precariedade laboral
Investigadores da USC nunha protesta contra a precariedade laboral | Fonte: EP

É o noso deber que a xente saiba o que se fai aquí, que a xente participe dese diñeiro de todos e que se sinta orgullosa da investigación que se fai en Galicia ou España. Sempre se fala das investigacións de Cambridge, de Oxford..., pero non fai falta ir a outros países para ver eses traballos. Por exemplo, o tema sobre o que estamos investigando no meu grupo é bastante descoñecido aquí en Galicia, pero, incriblemente, somos un referente para moita xente de fóra. Trátase de facer país. Eu estiven bastante tempo no estranxeiro e tiña claro que quería volver e impulsar proxectos desde Galicia. Igual que aquí dicimos iso de "mira que investigación están facendo en tal país", tamén está ben que eles digan o mesmo de Galicia. 

 

- Hai unha aposta real pola investigación dende as institucións? É dicir, os fondos económicos que se destinan a esta área van acorde a ese potencial investigador que ves en Galicia?

Creo que hai bastante apoio para a investigación pero, en xeral, a estabilidade dos investigadores é inferior á doutros países. Iso si que o botamos moito en falta. Por exemplo, a min acábaseme o contrato en agosto e non sei se vou marchar a outro país, se vou quedar aquí ou que vai pasar. Non é tanto precariedade a nivel de soldo ou opcións, senón unha precariedade na continuidade dun investigador. Temos unha inestabilidade constante que é bastante esgotadora, sobre todo no caso das mulleres, debido á conciliación familiar.  

 

- Esa investigación tan potente da que falas tamén vai á par da riqueza do patrimonio arqueolóxico en Galicia. 

Si, temos un patrimonio moi abundante. Hai que loitar para sacar fondos de onde non os hai e mostrar e coidar ese patrimonio de todos. Cada vez é máis coñecido pola xente de fóra, pero segue sendo descoñecido aquí. Cada un de nós sabe dunha igrexa románica que hai preto das nosas casas e nós vémolo como algo normal; a quen vén de fóra parécelle alucinante.

 

Nesa liña tamén traballa este ciclo de charlas: en revalorizar o que temos e o que se pode obter de cara ao futuro grazas a esas investigacións. Porque a arqueoloxía baséase en reconstruír o pasado, pero tamén en obter datos e mellorar o futuro (por exemplo, sobre contaminación atmosférica noutros períodos que nos dá unha idea de como pode evolucionar)

 

A MULLER, MÁIS PRECARIEDADE 

 

- Falabas antes da importancia de darlle visibilidade ás mulleres. De acordo a ese obxectivo, todas as patas do proxecto contan con algunha figura feminina: a propia investigación, a comunicación e publicidade, o deseño do cartel... Foi unha escolla consciente?

Si e non. No noso grupo de investigación a maioría somos mulleres. Ás veces iso non queda reflectido na sociedade: sempre pensamos nos investigadores, pero moitas veces somos investigadoras. Noutros casos si que foi unha decisión consciente. Procuramos que non fosen mulleres voluntarias, senón ter en conta tamén esas mulleres como as profesionais que son para marcar a diferencia sobre o seu traballo.

 

- En que punto está a muller no ámbito da investigación científica?

Probablemente esteamos mellor ca noutras épocas, pero non estamos ao 100%. Hai unha maioría de mulleres nas primeiras estadías de doutoramento, pero logo desaparecen, a porcentaxe baixa moito nos postos altos. Segue habendo dificultades co temas dos embarazos, dos fillos... Por exemplo,  a maioría dos programas postdoutorais que nos dan acceso a contratos máis longos consideran obrigatorio pasar dous anos no estranxeiro. Iso xa é un problema para as mulleres que queren ser nais.

 

Ademais, moitas veces somos nós mesmas quen buscamos referencias nos homes inconscientemente. Todas as investigadoras que traemos son impresionantes, pero elas mesmas contaban que non as convidaban a dar tantas charlas coma aos compañeiros. “É que é moi bo!”, din, pero elas tamén son boas! 

 

- E na arqueoloxía? Perdéronse eses prexuízos que ligaban este eido aos homes?

Si que houbo unha unha época mala na que o arqueólogo respondía a ese arquetipo de Indiana Jones, pero o certo é que hai un estudo nos Estados Unidos que mostra que, nos anos de bonanza, o número de mulleres na arqueoloxía era bastante alto. Aínda así, este é o sector das Humanidades que máis mulleres perdeu durante a crise. A precariedade que afecta máis ás mulleres fixo que houbese unha selección positiva cara aos homes. Agora estase a recuperar pouco a pouco. Temos que loitar para ter as mesmas oportunidades.

 

- Nunha entrevista en La Voz de Galicia poñías como exemplo que se estudaran moitos xacementos de monxes, pero poucos de monxas. É posible aplicar a perspectiva de xénero en investigacións antropolóxicas?

É moi importante prestarlle atención a iso. En antropoloxía, cando se quere desenvolver un metodoloxía nova, normalmente utilízanse esqueletos masculinos, pero nós traballamos con esqueletos de mulleres. Por que van ter que ser sempre homes? Podemos elixir e cambiar esas pequenas cousas para que estean máis presentes.

 

Nas crónicas ou nos escritos que se deixaron no pasado, moitas partes relacionadas coa vida íntima das mulleres non quedaron reflectidas. E, se se escribiron, fixérono homes que dan conta de algo moi diferente á realidade que logo vemos nos esqueletos. O período do embarazo, o parto ou o aleitamento son moito máis escuros, por falta de coñecemento. Por iso é importante a nosa investigación, porque poñemos en valor eses sectores da poboación que non foron tan importantes nos estudos ata o de agora: as mulleres e os nenos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta