Veciños de Teo avisan do comezo de obras na canteira de Casalonga co temor da apertura dun vertedoiro

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos sinala que a veciñanza sairá ás rúas nun acto que se desenvolverá ao longo de 24 horas e que terá o seu colofón ás 12h do vindeiro domingo no monte do Carmelo.

Por Galicia Confidencial | Teo | 22/03/2019 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A canteira da Casalonga que ata o de agora estaba en desuso por falta de rendibilidade, foi comprada pola empresa adicada á xestión de residuos, Toysal, en 2018.  A veciñanza ten conseguindo paralizar dous proxectos da empresa polo de agora. O primeiro, a instalación dunha planta de tratamento de residuos e o segundo, un proxecto de restauración da canteira que agochaba un gran vertedoiro. 

Maquinaria en Casalonga
Maquinaria en Casalonga | Fonte: Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Toysal presentara a documentación á Xunta a través da Dirección Xeral de Minas. A Plataforma denuncia que a Dirección Xeral de Minas no permite acceder nin á plataforma nin ao concello á documentación entregada pola empresa. A solicitude para poder ver os documentos relativos a Casalonga foi presentada o 12 de febreiro sen que houbese resultado segundo a Plataforma.

Por outra parte, a Plataforma enviou este venres un comunicado onde sinalan que “este mércores comenzaron as máquinas a funcionar na canteira”, en referencia á aparición de maquinaria pesada o pasado mércores día 20. No comunicado ademais apuntan que “sabemos que estamos entre os primeiros dunha longa lista de canteiras en desuso en Galicia que xa están a mercar empresas do lixo”.  Apuntan que nesa situación “temos máis de 70 nestas mesmas condicións na Coruña e máis de 100 en Pontevedra”. "Temos costancia de que estas empresas están a mercar contedores para traer o lixo do norte de Europa para Galicia".

Acusan ademais que  “en Galicia as leis e a laxitude no control da administración facilitan o traballo a estas empresas”. “Só teñen que disimular unha explotación da canteira para logo ter que “restaurala”” sinalan. Tamén fan referencia a outras canteiras como a de Miramontes e a de Touro que indicarían “como se fai esta restauración en Galicia”. “Trátase de reencher con residuos o monte ata as cotas iniciais, soterrando así o ecosistema existente”.

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos “convoca urxentemente á poboación o domingo 24 ás 12h no campo da festa do Monte Carmelo”.  Vinte e catro horas antes máis de 40 colectivos da comarca, ANPAs, gandeiros, asociacións culturais, políticos, clubes deportivos, eclesiásticos, comisións de festas, plataformas mediambientais, farán relevos dunha hora de duración para manifestarse ao longo da N-550 ao seu paso pola Casalonga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta