O Sergas vende un "incremento" da actividade asistencial e a oposición fala de "explotación" de traballadores

O PP apunta "intencionalidade política" na convocatoria de folga en Atención Primaria e reprocha que "non exista moita vontade de negociar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) destacou este xoves o "incremento" da actividade asistencial durante o ano 2018 con respecto ao exercicio anterior, que a oposición atribuíu á "explotación" dos traballadores.

En comisión parlamentaria o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, compareceu a petición propia para informar sobre a actividade e resultados da xestión a 31 de decembro de 2018 con motivo da publicación este venres da memoria de actividade.

En concreto, resaltou o aumento de actividade en todas as áreas "salvo unha lixeira redución na PAC". Entre outros datos, destacou os máis de 26 millóns de citas en Atención Primaria en 2018 --o 59% de citas médicas--, das cales dous millóns foron telefónicas. Por iso, agradeceu o "traballo e esforzo" aos traballadores.

Fernández-Campa resaltou no seu balance que "cada vez máis" aumenta a actividade ambulatoria tanto na área de cirurxía, como en consultas, atención en hospitalización a domicilio e en hospitais de día. Así, valorou o incremento das citas telefónicas en primaria (10,7%). Do total, dixo, o 14,75% foron con médicos de familia en 2018. E incidiu na importancia da resolución nun 99,88% "sen necesidade dunha cita presencial posterior".

No balance lembrou os 354 transplantes realizados en Galicia en 2018 e o máis de millón de urxencias atendidas o ano pasado. Respecto diso, valorou o descenso da presión en urxencias e dos ingresos derivados das mesmas. Sobre hospitalización sinalou 243.515 ingresos en 2018, dos cales o 75% foron non programados, cunha estancia media de 7,76 días.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, a represetnante do BNG no debate, Montse Prado, atribuíu o incremento da actividade ao "sacrificio e explotación" dos profesionais que, subliñou, "din que non aguantan máis esa situación". "Dimensione os cadros de persoal", reclamou para pedir a convocatoria das prazas necesarias.

Por iso, reprochoulle que acudise este xoves ao Parlamento a "dar unha rolda de prensa previa" á publicación da memoria este venres. Neste sentido, pediulles aos dirixentes sanitarios en Galicia que "deixen de vivir nunha realidade paralela" e afronten a "deterioración da sanidade pública". "Quítese as lentes da autocompracencia", pediu ao xerente.

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

Nesta liña, o portavoz do PSOE no debate, Xulio Torrado, comentou que o dirixente do Sergas "está en campaña electoral a través da xestión" e subliñou que "discrepa" que "pinte un cadro ao que lle faltan algúns trazos".

"O 2018 foi un ano bastante negro para a sanidade galega", aseverou Torrado, para reprochar ao xerente do Sergas que teña "unha actitude bastante preocupante cos profesionais". Así, reprochoulle ao goberno popular en Galicia crear " unha sanidade de primeira e de segunda" coa reforma sanitaria.

Mentres, por parte de En Marea, Eva Solla incidiu en que "a sanidade está nunha das peores situacións nos últimos anos" porque "a acumulación de recortes vai tendo consecuencias" e "as protestas son maiores". Ao fío diso, apuntou a folga de traballadores da PAC e anúnciaa en Atención Primaria para abril.

FOLGA

Tras as reiteradas referencias dos grupos da oposición á próxima folga en primaria, o xerente do Sergas apuntou "intencionalidade política" na convocatoria e reprochou á Coordinadora que a promove que "non exista moita vontade de negociar".

Deste xeito, Fernández-Campa fixo fincapé que este xoves non ten "constancia de ningunha convocatoria formal". "A Coordinadora non ten ningún tipo de interese en negociar nada ao esperar a convocar", lamentou en relación a que presentará o último posible de prazo a convocatoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta