Luís Villares afirma que En Marea busca un "novo constitucionalismo"

Defende a "coherencia" da súa organización como principal activo para as próximas eleccións e presentou unha "oferta electoral" con 299 medidas urxentes "para mellorar a vida dos galegos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

En Marea anunciou este xoves unha "oferta electoral" con 299 medidas urxentes para mellorar a vida dos galegos e reivindicou a súa "coherencia" como principal activo de cara ás próximas eleccións xerais fronte á coalición Unidas Podemos.

"En campaña todos os partidos fan propostas capaces de seducir a moitos segmentos sociais pero poucos poden estar orgullosos da súa coherencia e ser consecuentes coas súas accións", manifestou Luís Villares nun almorzo informativo ofrecido este xoves en Santiago de Compostela e no que estivo acompañado polo responsable de Análise Estratéxica de En Marea, Xoán Hermida.

E é que neste acto organizado para presentar as principais liñas do programa co que En Marea se presentará aos comicios do 28 de abril, Villares volveu a lembrar a postura da dirección que el encabeza de rexeitar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) presentado polo PSOE por considerar que era "lesivo" para Galicia. "Esta coherencia non a poden reivindicar outros", incidiu.

Este mandato só foi respectado no momento da votación pola entón deputada Alexandra Fernández tendo en conta que o resto de parlamentarios que entón conformaban En Marea no Congreso apoiaron as contas na mesma liña que o grupo confederal liderado por Pablo Iglesias.

"Levámolo ata o final en termos externos e internos, queremos sumar co conxunto da sociedade española pero non restar para Galicia e por iso votamos 'non' a uns orzamentos altamente lesivos", manifestou Villares en referencia a aquel episodio tras o que En Marea e as forzas Esquerda Unida e Podemos Galicia decidiron concorrer por separado ás xerais --estas últimas fano baixo as siglas En Común-Unidas Podemos--. Pola súa banda, Anova optou por non presentarse.

MARCA DISTANCIAS CO BNG

Ademais das distancias marcadas con Unidas Podemos, Luís Villares tamén diferenciou o proxecto de En Marea do que ofrece o BNG en Galicia. Así, tanto el mesmo como o responsable de Análise Estratéxica de En Marea, Xoan Hermida, lembraron que o partido rupturista reivindícase como "herdeiro" do movemento 15M do que forzas como o Bloque "renegaron sempre".

"Pensamos que era necesario unha nova forma de estar en política e asumimos esa bandeira en primeiro lugar", explicou Villares, que asegura que En Marea defende a ampliación de dereitos para a cidadanía como a liberdade de expresión.

"Isto non nos conecta só co conxunto dos galegos senón co conxunto da sociedade española", manifestou antes de enmarcar ao partido rupturista nun movemento "europeo de carácter progresista" que busca un "novo constitucionalismo" no que se garantan os dereitos dos cidadáns. Neste punto, precisamente, destacou que En Marea "contribuirá eficazmente á configuración de maiorías que desenvolvan eses principios" e "participará plenamente na gobernabilidade do Estado". Con todo, incidiu en que "sumar para todos non pode supor restar para os galegos".

EIXOS DO PROGRAMA

O maxistrado lucense en excedencia e Xoán Hermida presentaron este xoves os "eixos fundamentais" do programa de En Marea, que virará ao redor da xustiza social, o avance democrático e o ecoloxismo.

Ademais, En Marea aspira a atender de forma especial as demandas das mulleres e da mocidade cun documento "participado e comprometido" coa ética e o regeneracionismo político. "O noso compromiso é cos máis vulnerables, coa clase traballadora e coa sociedade galega no seu conxunto", destacou Xoán Hermida.

Para iso, a formación ruptirista presentou 299 "medidas reais" coas que buscará, entre outras cuestións, favorecer o desenvolvemento industrial e socioeconómico de Galicia; así como construír unha sociedade galega "fortemente afincada e solidaria, cun vínculo estreito coa idea do espazo nacional compartido cun estado de benestar amplo".

GRUPO PARLAMENTARIO GALEGO

Por outra banda, preguntado na rolda de prensa sobre se as distancias marcadas para as eleccións xerais coas forzas coas que comparte grupo parlamentario na Cámara galega, Villares asegurou que "mentres" que todos os seus integrantes cumpran o programa co que En Marea se presentou ás autonómicas de 2016 "non hai risco de ruptura".

28A.- En Marea Reivindica A súa 'Coherencia' FRONTE A Unidas Podemos E Anuncia 299. EN MAREA
28A.- En Marea Reivindica A súa 'Coherencia' FRONTE A Unidas Podemos E Anuncia 299. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 carayans

Se nalgún momento dubidei en votalos, ficoume claro que a estes no nos voto nin farto de viño.