As Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia alertan dos recortes na sanidade

FEAFES advirte de que "o recorte en programas de acompañamento e integración provoca non só un grave problema para miles de persoas, senón tamén un aumento no gasto farmacéutico e os ingresos hospitalarios".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/04/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) advirte que "o recorte en programas de acompañamento e integración provoca non só un grave problema para miles de persoas, senón tamén un aumento no gasto farmacéutico e os ingresos hospitalarios". Hoxe, no Día Mundial da Saúde, recorda que non está disposta a renunciar ó dereito de recibir unha asistencia axeitada, tanto social como sanitaria.

FEAFES.
FEAFES.

FEAFES Galicia quere aproveitar o Día Mundial da Saúde para facer un chamamento á "necesidade de contar cuns servizos públicos de calidade en materia de saúde mental que cubran as necesidades reais de atención a este colectivo".

"Non queremos que a crise repercuta negativamente na atención sanitaria ás persoas con enfermidade mental, xa que o dereito a recibir unha atención médica digna é un dereito compartido por todos os cidadáns", argúen.

Neste día, poñen de manifesto a utilidade social e sanitaria da rede de servizos xestionada polo movemento asociativo, concretamente no tocante ó modelo de atención comunitaria e a súa repercusión positiva na saúde dos usuarios e familiares.

A federación recorda que dende a década dos oitenta, as asociacións que hoxe conforman FEAFES Galicia desenvolven un programa de atención comunitaria a persoas con enfermidade mental en todo o territorio galego. Para elo, conta hoxe en día con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para enfermos crónicos, residencias, pisos protexidos, vivendas de transición e outros programas como atención a domicilio ou información e asesoramento.

"Esta atención reporta grandes beneficios tanto ós enfermos mentais como ás súas familias, pois permite diminuír os índices de recaída, ten un impacto positivo na vida cotiá do enfermo e facilita un maior cumprimento do tratamento estándar do usuario", explican desde a federación.

Ademais, lembran que "grazas ó servizo de atención comunitaria de FEAFES Galicia diminúen as cargas asistenciais que recaen sobre a sociedade (especialmente sobre a familia) e o número de estancias hospitalarias".

A Organización Mundial da Saúde, OMS, estima que entre o 2,5 e 3% da poboación sofre algún tipo de trastorno mental. Se se aplica esta porcentaxe á poboación adulta censada en Galicia a principios do ano 2013, o número de galegos afectados por algún tipo de trastorno mental estaría entre o 69.087 e o 82.905, sinalan desde FEAFES.

"As accións relacionadas coa atención comunitaria en Galicia grazas á rede de recursos de FEAFES son fundamentais neste senso, xa que repercuten positivamente na mellora da saúde destas persoas e na calidade de vida tanto delas como dos seus familiares, pois se trata dun modelo de atención digno e eficaz", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Hulio

Si tes cartos tes saúde, si non tes cartos reza e sigue votando PP...

2 Terrachá

4 meses de espera pra unha cita cun familiar con depresión crónica e 65% de discapacidade. Se a sanidade está mal a saúde mental está pior. os responsables distas salvaxadas terían que estar sendo xulgados por homicidas. Qué vergoña de políticos, vós sí que precisades dun psiquiatra, psicópatas!

1 Sking

O SERGAS está obrigando ás familias dos doentes a ir á privada (os que poden). As citas cada día adíanse máis e máis, uns poucos minutos por doente e pra casa ata 4-6 meses. Non hai apoio psicolóxico aos coidadores. Non hai prazas especiais reservadas pra crises de agudos. A saúde mental en Galiza esta sendo desartellada por completo. Estamos en máns de psicópatas sen tratar. Hai que botalos!