Leiceaga considera que a xestión da Xunta en residencias é un "imposto aos maiores"

Feijóo enxalza o seu "compromiso" coa dependencia e as políticas de atención aos maiores e destaca que é un dos ámbitos dos que a Xunta está "mais orgullosa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, alegou que existen "problemas" con concellos como Lugo ou Ferrol para a cesión de terreos de cara á construción de novas residencias para maiores e defendeu os avances do seu Goberno en materia de dependencia desde o ano 2009, período no que "se triplicou" o investimento neste ámbito.

O mandatario autonómico pronunciou estas palabras durante a sesión de control do pleno ordinario que acolle o Parlamento de Galicia, onde este mércores foi preguntado polo portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sobre a "falta" de "compromisos" da Xunta coa posta en marcha dunha rede de residencias para maiores de carácter público.

Leiceaga cuestionou a "credibilidade" do Goberno galego, ao que acusa de paralizar "" o desenvolvemento do plan 'Como na casa', que contemplaba a construción de sete novas residencias nas cidades galegas con 900 prazas. Así, aseverou que dous anos despois "só hai un convenio e ningún avance" porque non se levou a cabo "ningunha licitación" e o plan "só existe no papel".

Na súa resposta, Núñez Feijóo esgrimiu unha serie de datos para enxalzar o "compromiso" da Xunta de Galicia coa dependencia e as políticas de atención aos maiores, "un dos ámbitos" dos que a Xunta está "máis orgullosa", segundo o presidente.

Neste sentido, afirmou que o investimento en dependencia é "o triplo" que en 2009, cando os populares retornaron a San Caetano e que "a día de hoxe e desde o pasado mes de decembro", o PPdeG xa cumpriu "co 100 por 100" do programa co que concorreron ás últimas eleccións autonómicas, nas que prometeron que as axudas á dependencia chegarían "a 60.000 persoas".

Sobre a construción do sete residencias nas cidades, o xefe do Goberno galego apuntou que a administración "continúa traballando" para a súa posta en marcha, pero que en cidades como Ferrol e Lugo atópanse con que os gobernos municipais "non ceden o terreo" ou "non dan licenza" para a súa construción.

Tras recibir a acusación por parte de Fernández Leiceaga de que a falta de residencias públicas repercute no prezo que deben pagar as familias para unha praza nun centro privado polas leis de "a oferta e a demanda", Núñez Feijóo afeou aos socialistas que "mesturen" datos e que "só lle vallan as (prazas) públicas". "Se un cidadán ten un bono para unha concertada, iso xa non vale", apostilou o presidente.

O portavoz socialista considera que a xestión do Goberno galego en materia de residencias para a terceira idade constitúe "un imposto aos maiores" que provoca que moitos teñan que facer fronte a prazas "impagables" polo seu elevado prezo. Pola contra, o líder dos populares galegos cre que o PSdeG ignora que a xestión da Xunta deixe a Galicia con cifras como "un cociente de cobertura por encima da media nacional" en materia de dependencia ou que o bono de residencia incrementase " entre un 20 e un 60 por cento as súas contías".

Rolda de prensa do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga
Rolda de prensa do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta