O pleno de Ferrol reclama carga de traballo para os estaleiros de Navantia na súa ría

No salón de plenos de Ferrol tamén se deu cita unha representación dos traballadores do naval, que saíu desde o estaleiro en manifestación, ás 19,00 horas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 21:27

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Ferrol aprobou, cos votos a favor de todos os grupos, a moción presentada polo comité de empresa de Navantia Ferrol, e na que se reclama dotar de carga de traballo aos estaleiros públicos desta ría.

No salón de plenos de Ferrol tamén se deu cita unha representación dos traballadores do naval, que saíu desde o estaleiro en manifestación, ás 19,00 horas, tras permanecer encerrados nas instalacións industriais unha vez finalizada a quenda de mañá, uníndose á marcha os da quenda da tarde, quen realizaron un paro de dúas horas.

Dita moción foi defendida polo presidente do comité de empresa, Javier Galán (CC.OO.)., quen solicitou "tendo en conta das coñecidas necesidades da Armada Española, instar o Goberno do Estado, Xunta de Galicia e á dirección de Navantia para que leven a cabo todas as xestións precisas para a contratación dun Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC) ou uns Buques de Acción Marítima (BAM)". "Contamos coa enxeñaría xa desenvolvida e iso permitiría cubrir a falta de ocupación dos anos 2020 e 2021", explica.

Previamente, o representante sindical lembrou a firma recente dun plan estratéxico, que "leva consigo o rexuvenecemento de persoal a través de contratacións como fixos de aproximadamente 675 novos traballadores".

FRAGATAS F-110

O presidente do comité de empresa lembrou tamén a recente firma do contrato para a construción de cinco fragatas da serie F-110 para a Armada Española, "un pedido moi importante, xa que despexará dez anos de carga de traballo, sendo un elemento imprescindible para servir de soporte aos procesos de dixitalización e Industria 4.0, que xunto á diversificación se necesita abordar en Navantia".

O representante laboral destacou que este contrato "non permitiría solucionar o baleiro da carga de traballo que se vai a sufrir en Navantia e na comarca de Ferrol no curto prazo, entre os anos 2020 e 2021, como consecuencia do seu atraso". É aquí onde Galán criticou ao anterior Goberno do Estado, xa que "a orde de execución tería que producirse no ano 2017, tal e como prevía a empresa e a propia Armada, pero debido ao empeño por impor un cambio no tipo de mísiles en contra da opinión da Armada, este atrasouse".

O presidente do comité de empresa estimou que ante esta situación, "nos próximos anos, desde finais deste verán do 2019 e ata o 2021, os niveis de paro serán alarmantes". "No caso de non solucionarse, terían gravísimas repercusións para o emprego, tanto en Navantia, como na industria auxiliar, e mesmo no conxunto da comarca de Ferrol", agrega. É por iso que desde a parte laboral estimouse que "só é posible cubrir o baleiro que se produce mediante a construción dun novo proxecto xa desenrolado", en alusión a un buque do tipo BAC ou BAM.

Unanimidade do pleno de Ferrol para reclamar carga de traballo para os estaleiros de Navantia na súa ría
Unanimidade do pleno de Ferrol para reclamar carga de traballo para os estaleiros de Navantia na súa ría | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta