Os lumes do Apóstolo terán este ano un 20% máis de orzamento, ata os 260.000 euros

A xunta de goberno local aproba sacar a licitación por terceira vez a cafetaría da Granxa do Xesto tras quedar deserta dúas veces.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2019 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A xunta de goberno local do Concello de Santiago acordou este venres iniciar o procedemento de adxudicación dos lumes do Apóstolo, que aumentan o seu orzamento en máis de 40.000 euros (case un 20 por cento) respecto de 2018 ata un total de 260.000 euros, nun espectáculo financiado polo Consorcio.

En rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicou que este incremento no custo débese a unha "actualización dos prezos" derivada das queixas de empresas sobre a escaseza de marxes económicas, polo que o Consorcio optou por esta alza ante "os problemas" detectados o ano pasado.

Segundo explicou o rexedor, prevese que con este aumento se inclúan melloras que en 2018 non puideron realizarse como a repetición do espectáculo audiovisual.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, o alcalde deu conta doutros acordos da xunta de goberno como o terceiro intento para conseguir adxudicar o servizo da cafetaría da Granxa do Xesto tras quedar deserto en dúas ocasións anteriores. Agora rebáixase a menos de 5.000 euros o canon anual que debe pagar quen estea interesado.

Noutra orde de cousas, aprobáronse varios convenios con varias entidades: co Padroado da Casa da Troia (dotado con 30.000 euros), Museo do Pobo Galego (30.000 euros), Asociación Cultural Cidade Vella (20.000 euros) e Ateneo (20.000 euros).

Tamén hai acordos destinados ao centro social Xoán XXIII (60.000 euros), a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home (45.000 euros), Médicos do Mundo (10.000 euros) e a Oficina de Igualdade da USC (11.000 euros). Ademais, destínanse 144.000 euros da Deputación da Coruña ao mantemento do centro cívico do Ensanche.

Xunto a isto, deuse luz verde ao proxecto técnico para a mellora da instalación eléctrica da piscina e o ximnasio de Santa Isabel, cun orzamento de 94.000 euros. Por último, aceptouse a subvención da Consellería de Emprego por 270.000 euros para a contratación durante sete meses de 20 traballadores desempregados.

Recreación virtual dos Lumes do Apóstolo 2018
Recreación virtual dos Lumes do Apóstolo 2018 | Fonte: Concello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta