Animalistas critican á Xunta por discriminar aos nenos que non poden ter un menú vegano

Din que nunha recente enquisa o 53% dos participantes se amosan partidarios desta posibilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber pretenden impulsar a introdución dun menú vegano nos comedores escolares para evitar a "discriminación" dos nenos que non comen alimentos procedentes dos animais en Galicia. É xustamente o mesmo argumento utilizado o pasado xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para rexeitar este tipo de menús ao considerar que "producen discriminación" entre os máis pequenos.

Ambas as asociacións realizaron unha enquisa telefónica a catrocentas persoas, para avalar a inclusión dunha opción de menú sen produtos de orixe animal para establecer "unha igualdade de oportunidades ao que non é unha simple dieta ou posición alimentaria".

A enquisa tivo un nivel de indecisión "importante", cun 27% de persoas que non coñecen a proposta ou ben non quixeron situarse. Con todo, o 53% dos participantes na enquisa mostrouse a favor, mentres que un 20% mostrouse en contra de dotar aos comedores esta posibilidade. Países coma Portugal xa teñen unha lei que garante esta opción en todas as cantinas de carácter público.

Os animalistas realizaron unha queixa ante o Defensor do Pobo español, ao entender que existe unha "vulneración inxustificada" dos dereitos de acceso a unha alimentación saudable e equilibrada dos nenos. Segundo as asociacións, a normativa tampouco contempla de forma específica outras regulamentacións para os menús, correspondendo ao propio Goberno autonómico a acción de deseñar as concesións nas súas bases de contratación.

"CAMBADELAS"

Os animalistas reprocharon á Xunta as súas "cambadelas" para lograr unha medida xa implantada en varios países e apoiada por organizacións internacionais así como expertos en nutrición e estudos científicos.

Por iso, os defensores dos animais non descartan a opción de acudir á Defensora do Pobo Europeo, Emily O'Reilly, para expor que existen varios países europeos que garanten o menú 100% vexetal en centros educativos, mentres que outros se negan.

Ensalada de aguacate, un das opcións dun menú vegano
Ensalada de aguacate, un das opcións dun menú vegano | Fonte: XdM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta