Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 19:46
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos de cárcere e ao abono dunha multa de 2.400 euros ao home que propinou unha puñada en agosto de 2017 ao alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG) na terraza dun bar tras discutir con el pola xestión das escolas deportivas.
O tribunal considerouno autor dun delito de atentado á autoridade e doutro leve de lesións e impúxolle o abono dunha indemnización á vítima que ascende a 9.310 euros.
Os feitos remóntanse ao 15 de agosto de 2017, sobre as 05.00 horas, cando o acusado se atopaba na terraza dun bar de Mar de Lira, en Carnota.
Alí iniciou unha discusión co rexedor pola xestión das escolas deportivas, nas que participara o inculpado e cesado pouco antes dese día debido ao cambio da empresa xestora.
Así, "con ánimo de menoscabar a súa integridade e con menosprezo do principio de autoridade", cita o fallo, propinoulle unha puñada no lado esquerdo da cara, cando se atopaba sentado, polo que o rexedor caeu ao chan.
A vítima necesitou asistencia médica e tardou 29 días en curar das feridas. No xuízo, o mozo agora condenado negou a agresión e alegou que o rexedor "se deu contra a mesa" ao caer e que el só tentou "socorrelo".
A Fiscalía solicitaba para o acusado dous anos de prisión por un delito de atentado contra a autoridade, ademais do pago dunha multa de 3.420 euros. A acusación particular elevou a pena a seis anos de cárcere.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.