Prohibida a captura de polbo en Galicia desde o 17 de maio ata o 1 de xullo

A partir do 1 de xullo e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie será de 30 quilos por barco e día.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A veda de polbo en Galicia comezará este venres 17 de maio e rematará o 1 de xullo de 2019. Isto significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo.

Polbo galego. XUNTA - Archivo
Polbo galego. XUNTA - Archivo

A Consellería do Mar informou que as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas, con calquera outra arte distinta da nasa para o polbo.

A veda iníciase ás 16,00 horas do venres 17 de maio e prolóngase ata as 05,00 horas do luns 1 de xullo. As capturas desembarcadas este venres poderán ser comercializadas tamén o 18 de maio nas lonxas nas que se realicen vendas de polbo os sábados.

A veda está incluída no plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2019/2020, co que se trata de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Segundo o plan, a partir do 1 de xullo e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie será de 30 quilos por barco e día. A esta cantidade, engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante a bordo, ata un máximo de 210 quilos ao día.

No que resta de campaña, o máximo será de 50 quilos por barco e día, con 50 quilos máis diarios por cada tripulante, ata un total de 350 quilos ao día.

O horario de traballo para as embarcacións con nasa para polbo iníciase ás 06,00 horas, aínda que poden saír do porto ás 05,00 horas e finalizar ás 16,00. O descanso semanal desenvólvese desde as 16,00 horas do venres ata as 06,00 do luns.

NASAS

Desde Cabo Silleiro a Corrubedo as nasas terán que levantarse do seu calado e levar a porto todos os días, agás as do cabo a Con da Aguieira que estean en fondos superiores aos 20 metros, que poderán permanecer no seu calado e ser levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal. As mesmas condicións rexerán cara ao oeste da Illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o Illote do Centulo.

Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro, terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esta data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas mesmo o período de descanso semanal.

No resto do litoral galego, as nasas poderán estar caladas mesmo durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos guardapescas das confrarías e os servizos contratados para o efecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta