O BNG ábrese a un "goberno tripartito" en Santiago con PSOE e Compostela Aberta

A candidata nacionalista, Goretti Sanmartín, di que a súa formación priorizará "programas e propostas" aos "postos" nun futuro executivo local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) abriuse á posibilidade de exercer de nexo entre PSOE e Compostela Aberta de cara á configuración dun "goberno tripartito" en Santiago, unha opción que, segundo a candidata frontista á Alcaldía da capital galega, Goretti Sanmartín, "non consideran" nin Xosé A. Sánchez Bugallo nin Martiño Noriega.

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín | Fonte: Europa Press

Sanmartín insistiu en que as eleccións municipais na capital galega se xogan "nun escenario sen maiorías absolutas" que deparará unha corporación na que "o diálogo" será "fundamental".

Neste sentido, cre que o BNG "será clave" para a configuración dun goberno que, segundo vaticinou, "non será de dereitas". Así as cousas e ante hipotéticos pactos, Sanmartín subliñou que a formación frontista priorizará "programas e propostas" aos "postos" nun futuro executivo local.

Así mesmo, reivindicou que o Bloque representa a opción política que "garantiría" que o concello compostelán aplique "políticas de esquerdas, transformadoras e galeguistas" ante un Bugallo que ve "escorado cara á dereita" e a un Martiño Noriega "que escora cara á xestión ineficaz con referentes fose do país".

"Non temos ningún problema nun goberno tripartito. Pero parece que eles (Bugallo e Noriega) non están dispostos", incidiu Sanmartín, que cre que os candidatos de PSOE e Compostela Aberta "só" contemplan a opción de ser alcaldes.

Con todo, a candidata nacionalista non concretou sobre as preferencias do BNG entre CA e PSOE á hora de conformar un hipotético goberno tras as eleccións do domingo 26, aínda que aseverou que "o problema non é o alcalde, senón as políticas para transformar Santiago".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Que pida ela a alcaldía, e que agarde as ofertas. Por pedir!