Unha gran perda

Cando a alguén lle chega a morte a todos nos sae a vena xenerosa á hora de referenciar a súa experiencia vital. Parece que únicamente somos capaces de salientar as virtudes do finado. Ante un trance difícil coma este, sabedores todos de que ninguén seremos quen de evitalo, é lóxico que flúa a empatía.

Por X.M. Barreiro | | 23/01/2012

Comparte esta noticia

Pero, pese a esa solidariedade inicial e comprensible, hai casos de casos. E se a conmoción que xenera o recibimento de noticias desta índole pode empregarse como baremo da admiración, respeto ou afecto que calquer persoa xerou durante a súa vida, non cabe dúbida de que Isaac Díaz Pardo é unha desas (non sei se exemplo de excepcional excepción) que maior unanimidade provocou.

A súa perda conmocionou a Galicia enteira, ó mundo da política, da cultura, da empresa, a todos e cada un dos cidadáns, anónimos ou non tanto, do noso país e incluso máis aló das nosas fronteiras, porque moito máis aló chegou Isaac.

Esa turbación xeral dá idea da grandeza de Díaz Pardo, da súa dimensión polifacética, intelectualidade, esprito emprendedor, da súa bonhomía, da súa gran humildade. E, non hai que esquecer senón máis ben salientar, o seu ideario galeguista, o seu compromiso cultural, político e empresarial con esta terra. Sempre presente, sempre activo; na xuventude e na vellez; no exilio e no retorno.

Entre o seu amplo legado, gustaríame salientar, precisamente polo contexto de crise económica no que nos atopamos, a súa faceta emprendedora, un dos aspectos que mellor caracterizan ós galegos que, obrigada ou voluntariamente, percorreron o mundo. En tempos nos que é preciso incentivar a cultura emprendedora, Isaac Díaz Pardo é un dos mellores exemplos ós que se pode recurrir, e permítanme por elo que aluda a ela.

Que saliente a súa actividade empresarial, moi diversa, cargada ademais de matices, igual de relevantes, igual de significativos, e perfectamente ensamblados coa defensa e a divulgación da nosa identidade cultural como pobo diferenciado. Sargadelos é (ademais dun proxecto xerador de riqueza, confluente coa reafirmación cultural) unha seña de identidade artística, rica e única que todos os galegos interiorizamos como propia.

Isaac Díaz Pardo é un galego universal, comprometido coa súa terra e, por riba de todo, tremendamente querido. É unha gran perda e por eso Galicia enteira garda luto por el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Manuel Barreiro Foi conselleiro de Medio Ambiente e vicepresidente da Xunta de Galicia no último goberno de Manuel Fraga. Actualmente é o presidente do PP de Lugo e membro da dirección do PPdeG. O seu blog blog