Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2019 | Actualizada ás 20:22
O alcalde de Ferrol e aspirante á reeleción por Ferrol en Común, Jorge Suárez, apelou a unir o voto de esquerdas ao redor da candidatura que encabeza para evitar un goberno do PP co ex-rexedor José Manuel Rey Varela, que retorna á política local tras a súa etapa como "conselleiro de política antisocial", dixo.
Foi nun mitin de Ferrol en Común celebrado na tarde deste mércores, no que recibiu o apoio do líder de Podemos, Pablo Iglesias, que fixo na cidade naval a última escala da súa visita a Galicia no marco da campaña das eleccións municipais e europeas do próximo domingo 26 de maio.
Suárez enviou palabras de ánimo para os traballadores de Poligal e Alcoa, presentes no acto, así como aos de Navantia Ferrol, quen, segundo o alcalde, "deberían de estar a cortar xa chapa para as fragatas F-110 se non fóra polas decisións do PP e o señor (Pedro) Morenés", en alusión ao ex-ministro de Defensa do Partido Popular.
Ao longo da súa intevervención, o candidato de Ferrol en Común aproveitou para repasar o último mandato e cargou contra o candidato do PP á Alcaldía, o ex-alcalde José Manuel Rey Varela.
Np acto tamén participou a candidata por Pontevedra de Unidas Podemos Yolanda Díaz, quen dixo: "Estou na miña cidade e quero agradecer a presenza aquí de Pablo Iglesias". E tamén saudou aos traballadores de Poligal. "Se o Goberno socialista quere, a vosa empresa non se pecha", engadiu.
A continuación, destacou de Ferrol que é unha cidade que sabe "facer barcos", polo que chamou a votar o domingo para "impedir que chegue Rey Varela da man de Vox e Ciudadanos".
Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos en Galicia, Antonio Gómez Reino trasladou que "Ferrol sabe pór o común por diante" e aproveitou para incidir en que "é necesario ter un bo resultado no ámbito local e de Europa para ter gobernos valentes e progresistas".
O político coruñés criticou que "cando o Partido Socialista está forte, goberna como a dereita", destacando que "hai que ir votar e mobilizarnos para lograr as políticas do común".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.