Villares acusa a Pablo Iglesias de estar "empeñado en destruír" En Marea

Tras a negativa a apoiar a Mariló Candedo coma senadora, o líder de En Marea non descarta a ruptura do grupo parlamentario.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/06/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou este martes ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, e á súa dirección de "estar empeñado en destruír a convivencia, a confluencia e o espazo político" de unidade popular en Galicia e fíxolle unha advertencia: "O grupo parlamentario non é propiedade de Pablo Iglesias"

Villares explotou en conferencia de prensa despois da Xunta de Portavoces no Parlamento galego "tras a enésima lea" interna do grupo na lexislatura, motivado, nesta ocasión, pola proposta dunha persoa por En Marea para ser senadora por designación autonómica.

O pasado fin de semana a dirección de En Marea, na que non participan os críticos de Podemos, Esquerda Unida e Anova, decidiu comunicar o nome de Mariló Candedo como a súa aposta para ocupar o posto. Con todo, no grupo parlamentario, de adscrición individual ao partido instrumental En Marea, se hai representantes con afiliación a Podemos, Esquerda Unida e Anova que non están de acordo coa proposta de Villares.

Deste xeito, se non hai un acordo ou o grupo rompe finalmente, ameaza presente case desde o inicio da lexislatura, a elección dun senador pola oposición podería pasar ao PSdeG, cos mesmos deputados que En Marea pero menos votos nas eleccións de 2016.

A votación en pleno, en calquera caso, atrasouse a petición de PP, grupo ao que lle corresponden os outros dous senadores, de modo que en lugar de celebrarse a próxima semana farase "este mes", probablemente no pleno da última semana, segundo dixo o viceportavoz e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tamén en conferencia de prensa.

Villares asegurou que "as leas" do grupo parlamentario e do espazo de confluencia están "propiciados polo mesmo orixe", dixo sobre Iglesias e a súa dirección, a quen achacou un cambio tras a asemblea de Vista Alegre II na que o partido morado, na súa opinión, "perdeu transversalidade".

Ese cambio propiciou, continuou o maxistrado en excedencia, a "perda de ilusión" de moitos, como el, que entraran en política con ansias de ampliar os dereitos civís e de mellorar a vida das persoas e asegurou que o actual proxecto de Podemos é "irrecoñecible".

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)

CRISE EN PODEMOS

Explicou na súa intervención que "denuncias" que estes días fan membros relevantes e dirixentes" de Podemos como Ramón Espinar, o alcalde de Cádiz, as organizacións en Aragón e Castela A Mancha e no seu día Sergio Pascual "levan padecendo en Galicia moito tempo".

Aos deputados do seu grupo parlamentario afiliados a Podemos lembroulles que "son deputados de En Marea", que concorreu como un partido instrumental en 2016, e non do partido de Pablo Iglesias e deben comportarse en base a uns estatutos "ben claros". "O que pasa é que non se respectan, só cando lles resulta conveniente", dixo.

Ante a posibilidade de chegar a un acordo no grupo parlamentario para propor a unha persoa como senadora por designación autonómica dixo que ve "pouca marxe de actuación" e insistiu en que "hai dous anos Pablo Iglesias en Vista Alegre decidiu romper e facer un partido único".

"E tamén -insistiu- dar un xiro ideolóxico e político para acabar con idea de transversalidade, de ampliación de dereitos (...) algo que En Marea nunca quixo facer e que quedou escurecido" polas decisións e o comportamento de Pablo Iglesias e dos seus deputados, afirmou.

RUPTURA DO GRUPO

Preguntado por se é posible evitar a ruptura do grupo, como parece ante posturas aparentemente irreconciliables, na súa opinión "se primase a vista longa sobre as visións tacticistas de Vista Alegre II" e Iglesias se dera conta de que "non está só na construción do espazo de unidade" e atendese "á diversidade" podería ser posible.

En calquera caso, máis aló de manter o grupo unido está o dereito de participación das persoas inscritas en En Marea que decidiron participar nun proceso de primarias do que saíu elixida Mariló Candedo; proceso no que non participaron nin avalan os críticos.

"Parece que molesta que as persoas inscritas opinen", dixo e continuou: "Non podo entender que Iglesias vexa ben someter a referendo un asunto privado completamente irrelevante como a compra dun chalé na serra de Madrid e que desprece o proceso de primarias para escoller cargos de representación pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

7 Manu Ber

Concordo plenamente con Villares

6 Xesús Ateo Recalcitrante

Síntoo, don Luís. Eu xa hai tempo desistín deso que vostede preside (desde que un bombeiro subiu ao escenario no acto de constitución de En Marea). Dinme de conta que ía ser outra suma de chiringuitos diversos e pleguei velas. Eu discrepo de vostede nunha cousa: o problema non é só Podemos, tamén o son os seus "palmeros" de Esquerda Unida e, sobre todo, de ANOVA. Era visto.

5 Mistralia

O actual parlamento galego ten na oposición ó psoe, bng e varios grupiños de amiguiños que non se falan entre eles. As vindeiras eleccións deixarano en pp, psoe e bng (máis algún despistado de cuñagramos).

4 xacobe

En Marea, xa fai tempo que non existe!!!

3 Gamela

Se fose posible recuperar a Alexandra Kollontai coma Senadora Arquetecta sería a mellor candidatura para quen como Toné & Yolanda & Eva Solla teñen a sartén polo mango gracias á Marquesa de Galapagar (Irene Montero) // Pablo Iglesias hai tempo que xa non pinta nada en Podemos! Agora o poder virou de lado... e é evitente que a cousa vén por vía feminina e marcada por EsquerdaDesunida !!! Que marchen ao grupo mixto e deixen de tocar o carallo!