Estou certa de que esa era a razón da ansiedade que tiñan por chegar ao poder, mesmo facendo unha oposición na que brilou pola súa ausencia o sentido de Estado. Non foi pola debacle financieira, nin pola prima de riesgo, nin pola recesión. Foi pola urxencia que había por frear o xiro de 180º que as políticas sociais estaban a dar á sociedade española. E que mellor momento para a involución que o actual, cando a cidadanía anda ensimismada en pagar a hipoteca ou chegar a fin de mes. De aí que a maior oposición -a máis dura-, non estivese motivada polas políticas económicas contra a crise pois era ben sabido que as receitas do PP serían moito máis duras.
Zapatero mantivo unha asignación económica moi favorable para os intereses da igrexa católica, pero foi un terrible enemigo para o modelo social que a intolerancia relixiosa sempre defendeu. A xenreira e a carraxe viñeron, sobre todo, polas “ousadías”: chamarlle matrimonio as unións entre persoas do mesmo sexo, facer unha nova regulación do aborto e promulgar unha lei de libertade sexual e reproductiva, permitir a dispensación libre da pilula do día despois, aprobar numerosas leis a prol da igualdade e falar de violencia 'machista', por abrirse aos inmigrantes, por defender a cohesión social e a redistribución da riqueza, pola educación en valores -laicos, por suposto-, e, en fin, pola transformación radical dunha España moderna que se estaba a consolidar con tan atrevidas leis. Rouco e as axencias de calificación foron os auténticos xefes da oposición na sombra, e tiveron numerosos predicadores nos púlpitos mediáticos da dereita máis rancia.
O que estaba a pasar en España era un mal exemplo para unha Unión Europea maioritariamente gobernada pola dereita. En 2010, Sócrates en Portugal seguía un camiño parecido; Grecia apostaba por Papandreu ¡nada menos que presidente da Internacional Socialista!; Italia estaba farta das tolerías de Berlusconi e a alternativa que se estaba a consolidar era a esquerda democrática... Ata Obama dixera, ao principio do seu mandato, que España era o seu modelo en canto a políticas sociais.
Coido que o tándem conservador igrexa-capital, chegou a estar moi preocupado polo efecto contaxio que se estaba a dar na Europa mediterránea pero abofé que lle botaron o freo. E de paso, borraron do mapa a discusión sobre o cambio climático que tamén planexaba como unha ameaza para o statu quo imperante. Creóuse un novo problema, moito máis achegado á vida diaria da xente, utilizando a capacidade de fraude que o sistema financieiro permitía para enganar as clases medias emerxentes, principais beneficiarias dos avanzos sociais.
A resposta foi brutal: unha forca cinguindo o pescozo dos gobernos díscolos. Unha severa recriminación por gastar tanto en mellorar a vida dos seus pobos, e a imposición dun inminente cambio de rumbo, que tampouco nos libraría do castigo da recesión e do empobrecemento. A consecuencia inmediata foi a revalorización do “individual” versus do “público”. Unha xogada mestra.
E nós, con estes pelos...