A USC deberá entregar un título universitario sen o requisito de ter nivel B1 dunha lingua estranxeira

A Universidade de Santiago de Compostela deu luz verde o pasado 10 de maio á eliminación do requisito de acreditación de coñecemento dunha lingua estranxeira para obter a titulación de grao.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a dar un título, neste caso o de graduado en Psicoloxía, sen o requisito de acreditar un nivel B1 dunha lingua estranxeira.

No fallo, con data do 5 xuño, o TSXG estima o recurso presentado dun alumno de Psicoloxía contra unha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número dous de Santiago que dera a razón ao Reitorado da USC ao desestimar a solicitude de expedir o título sen superar o requisito.

Con todo, para tomar a súa decisión, o TSXG considera que no plan de estudos de graduado en Psicoloxía, que detalla a estrutura dos ensinos conducentes para a obtención do título, non aparece por ningunha parte a esixencia do coñecemento do nivel B1 dunha lingua estranxeira, nin sequera de coñecemento transversal.

Por iso, o alto tribunal galego declara o dereito do apelante a que se lle expida o título con exención de calquera requisito relativo á acreditación do idioma e condena á USC a actuar conforme a este pronunciamento.

ELIMINACIÓN DO REQUISITO

Precisamente, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu luz verde o pasado 10 de maio á eliminación do requisito de acreditación de coñecemento dunha lingua estranxeira para obter a titulación de grao.

A medida foi aprobada durante a sesión do claustro universitario co obxectivo, segundo a universidade, de "transitar cara a un modelo no que o coñecemento dunha lingua estranxeira se poida recoñecer no expediente do alumnado como unha competencia trasversal".

Ademais, este mesmo luns, a institución do Valedor do Pobo celebrou que a Universidade de Santiago de Compostela vaia a eliminar a obrigatoriedade de acreditar o nivel B1 de coñecemento dun idioma estranxeiro como condición para obter o grao universitario.

A defensoría galega asegurou que unha recomendación emitida polo Valedor do Pobo en 2015 abriu o camiño para facer efectiva esta medida. En concreto, en outubro de 2015 fixo unha recomendación á USC como conclusión da queixa enviada por un particular.

A resolución instaba o ente académico a "adoptar as medidas necesarias para corrixir a situación creada pola esixencia de superar créditos non incluídos nos plans de estudo verificados, aprobados e publicados oficialmente, en particular, a acreditación dun nivel B1 dunha legua estranxeira".

Fonseca e San Xerome (USC). USC - Arquivo
Fonseca e San Xerome (USC). USC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta