As diferencias entre EU, Podemos e Anova con En Marea pola elección do senador poden fracturar o Grupo Parlamentario

A dirección de En Marea rexeita a elección de José Manuel Sande por ser unha "imposición" de Podemos. É o candidato alternativo á proposta da dirección de En Marea, Mariló Candedo, e está apoiado por Anova, Podemos e EU.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A dirección de En Marea emitiu un comunicado no que expresa que "non acepta" a votación do grupo parlamentario para elixir o senador por designación autonómica por tratarse de "unha imposición de Podemos".

Na nota de prensa, remitida aos medios ás 22,00 horas, a dirección do partido instrumental --na que só participan afíns ao portavoz, Luís Villares-- afirma que a votación promovida polos deputados críticos co maxistrado lucense é "unha imposición dun grupo que quere ditar o seu criterio e que transparenta a súa desgana para chegar a acordos".

Trátase do último episodio da fractura do espazo político que, agora, unicamente pervive unido no grupo parlamentario da Cámara galega, onde Luís Villares conta tan só co apoio explícito de tres dos seus 13 compañeiros no Pazo do Hórreo. Así, desacreditan a votación que na noite do mércores realizan os deputados de maneira telemática para acordar o nome do senador que corresponde a En Marea como segunda forza na Cámara.

Con todo, os deputados críticos con Villares (membros de Anova, Esquerda Unida e Podemos) non consideran que a dirección do partido instrumental teña potestade para marcar criterios ou posturas sobre o grupo, polo que, previsiblemente, desatenderán a liña marcada pola coordinadora de En Marea como ocorreu coa petición de dimisión á parlamentaria Paula Quinteiro o pasado ano.

Sobre a mesa había dous nomes: o exconcelleiro coruñés José Manuel Sande, proposto polos críticos con Villares, e Mariló Candedo, opción da dirección do partido instrumental, que xustifica a súa elección por ser a persoa máis votada nas primarias para a configuración de listas nas últimas eleccións xerais, nas que o espazo político concorreu dividido.

VOTACIÓN

Villares tratou de salvar a votación propiendo unha 'terceira vía' ao propor para o posto ao deputado Manuel Lago, independente aínda que ligado a Esquerda Unida. Lago declinou a oferta e a votación seguiu en pé. Segundo fontes consultadas por Europa Press, Sande ía na cabeza con oito apoios por só un de Candedo.

"En Marea considera que Unidas Podemos quere forzar a votación para impor a súa solución porque no calendario parlamentario é o Partido Popular quen está a marcar os prazos e quen cambiou as datas e habería tempo para unha negociación para conseguir un nome válido para todas as partes", afirma a dirección do partido instrumental.

Ademais, censura a deriva " verticalista de Podemos" por "non escoitar a todas as partes que forman parte de En Marea, reducindo a horizontalidade na organización e a transversalidade no funcionamento".

"Unidas Podemos e Anova ignoraron o criterio da participación e da horizontalidade propondo un nome vinculado a unha parte e sen ningunha vinculación nin co grupo parlamentario, nin coa vida política de En Marea", remarcan en referencia a José Manuel Sande, de Marea Atlántica, organización crítica co rumbo emprendido pola dirección de En Marea con Villares á fronte.

José Manuel Sande
José Manuel Sande

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta