Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2019 | Actualizada ás 19:19
O responsable de Finanzas, Transparencia e Xuventude da Coordinadora de En Marea, Adrián Dios, criticou este domingo que Unidas Podemos "non estea a respectar os acordos polos cales se presentou ás eleccións autonómicas", no que se refire a a elección do senador por designación autonómica que o seu grupo parlamentario ten que propor.
Nunha entrevista na Radio Galega, Dios mostrou a súa total disposición a negociar unha persoa de consenso para que sexa a elixida polo grupo de En marea como senador. Así, expresou esa vontade de dialogar despois de que os afíns a Luís Villares non recoñecesen a elección de José Manuel Sande, maioritariamente escollido polos deputados do grupo que son críticos co líder do partido instrumental.
Aínda así, o membro da Coordinadora responsabilizou a Unidas Podemos da situación. Na súa opinión, "Unidas Podemos é un proxecto político que non está a respectar os acordos polos cales se presentou ás eleccións autonómicas". Neste sentido, engadiu que Sande "é unha proposta unilateral e que non representa o conxunto do espazo".
"Se estamos a falar de que existen dous proxectos diferentes que son En Marea e Unidas Podemos, o correcto sería poder establecer procedementos democráticos para escoller o senador e, en segundo lugar, buscar opcións de consenso. É aí onde nos situamos nós", sentenciou.
Preguntado sobre se o partido liderado por Luís Villares lle gustaría ter algún contacto con Más Madrid, Dios suxeriu que si, aínda que indicou que aínda non o tiveron. Así, cualificou de "interesante" o proxecto político impulsado por Íñigo Errejón fronte a outro proxecto, o de Podemos, ao que ve en deriva descendente, "solitario" e igualouno a Esquerda Unida.
"Asumindo que nós formamos parte tamén dese espazo político do cambio en Galicia, para nós é importante manter relacións con outras formacións", destacou Dios, que engadiu que "a figura de Errejón é determinante en todo o que sucedeu na dinámica política do espazo rupturista nos últimos 5-6 anos, polo que sempre pode ser interesante manter esas conversacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.