Enfermaría, pesca, linguas ou comercialización, novas ofertas do FP Dual

A formación profesional contará con 29.165 prazas de primeiro curso en centros públicos e 1.197 ciclos e programas formativos.

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 21/06/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Xunta realizará unha aposta decisiva polo modelo de Formación Profesional Dual o próximo ano. Tras diversos exercicios incentivando esta opción formativa, con aumentos de prazas, de alumnos e mellorando as cifras de empregabilidade, Educación dará un empuxón a FP Dual cun incremento da oferta que roldará o 60 por cento respecto ao curso que acaba.

Os argumentos do Goberno galego radican nos datos de emprego, asegurando que sobre dous terzos do emprego creado (e que se creará) a curto medio prazo está vinculado a técnicos de formación profesional. Neste sentido, situaron á modalidade Dual como unha gran oportunidade para os mozos, ao estar concibida "na medida que as empresas o necesitan" e "adaptada ao tecido produtivo", destacou o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

A conselleira do ramo, Carmen Pomar, presentou a oferta de FP este mesmo venres, acompañada de cargos do departamento autonómico, que inclúe unhas 29.165 de primeiro curso en centros públicos e 1.197 ciclos e programas formativos autorizados.

Do total, 21.309 forman parte do réxime ordinario, é dicir, grao medio (8.388), superior (8.925), FP básica (3.402) e programas para persoas con necesidades específicas (594); outras 4.401 son de réxime modular para persoas adultas (2.201 de medio e 2.200 de superior) e 2.300 de formación a distancia (900 medio e 1.400 superior).

Educación destacou, sobre todo, o caso da FP Dual, con 73 proxectos nesta modalidade fronte aos 46 que se ofertaron no período 2018-2019 e que se impartirán en 36 centros. Na Coruña, entrarán en funcionamento 35, en Lugo 18, en Ourense 9 e en Pontevedra 11.

Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional. XUNTA
Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional. XUNTA | Fonte: Europa Press

NOVIDADES

O catálogo introduce novidades con diversas titulacións de familias profesionais vinculadas a sectores que a Xunta considera estratéxicos. Pomar destacou o caso do ciclo de Coidados auxiliares de enfermaría ou a ampliación dos da familia marítimo-pesqueira en Burela e en Vigo, ou o novo título de Comercialización de produtos alimentarios en seis centros galegos.

Tamén se aumentou a oferta de ciclos das familias profesionais de Instalación e mantemento, de Enerxía e auga, de Fabricación mecánica ou de Transporte e mantemento de vehículos. A responsable de Educación incidiu na importancia deste modelo "en toda Europa", sobre todo en territorios como Alemaña ou Austria, e no que máis do 90 por cento dos titulados consegue o seu emprego.

Máis de 200 empresas están a colaborar e participando nesta modalidade formativa, e a Xunta comprometeuse en incrementar o vínculo entre os centros e o mundo laboral tanto co plan de dinamización da FP Dual como coa o Rede de Dinamización de FP Dual, con profesores encargados expresamente de difundir esta formación tanto nas instalacións educativas como entre o tecido empresarial das comarcas.

LINGUAS ESTRANXEIRAS

Outra das novidades para esta nova etapa será a posta en marcha do Módulo de Lingua Estranxeira Profesional. En concreto, trátase dunha medida propia da comunidade galega e que arrincará nos novos títulos que se implantarán o próximo curso e que carezan de módulo lingüístico.

En concreto, incorporarase no grao superior de Acondicionamento Físico (no IES Universidade Laboral de Culleredo, o IES A Guía de Vigo, o IES María Soliño de Cangas e o IES Miguel Anxo González Estévez de Vilagarcía de Arousa) e o grao superior en Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina (CIFP As Mercedes de Lugo).

Este módulo estará impartido por docentes da especialidade en Inglés do centro, ou por profesores da familia profesional que teñan nivel C1. O obxectivo é que no futuro toda a oferta conte con formación en linguas estranxeiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta