Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2019 | Actualizada ás 14:45
A marca En Marea é o vindeiro cabalo de batalla entre os dous grupos escindidos. Unha marca que está queimada tras as leas internas dos últimos anos pero á que se quere agarrar Villares e o seu grupo. O ata agora portavoz parlamentario de En Marea formalizou na mañá deste venres a súa solicitude para abandonar o grupo do partido instrumental e pasarse ao mixto xunto con outro tres deputados (Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez e Pancho Casal).
En declaracións aos medios nos corredores do Pazo do Hórreo, Villares confirmou a presentación da petición ante os servizos da Cámara e aproveitou para reclamar aos deputados que permanecen adscritos a En Marea que cambien a denominación do grupo parlamentario, tendo en conta que renegan da súa pertenza ao partido instrumental.
E é que para Villares e os tres deputados que o acompañarán ao Grupo Mixto, "o lóxico" é que o ata agora Grupo de En Marea "adquira o nome de Podemos ou o que decidan" e eles, como persoas leais á organización homónima, poidan "usar o nome" do partido instrumental para a súa acción parlamentaria, algo que sería extraoficial.
Fontes do Parlamento de Galicia sinalaron a Europa Press que cabe a posibilidade de que un grupo decida cambiar a súa denominación formal no medio da lexislatura, aínda que esta petición tería que ser avaliada polos servizos xurídicos da Cámara.
"Queremos ser o Grupo Mixto de En Marea, usaremos esa denominación. Ninguén nola vai a cuestionar. Os deputados que están agora no grupo de En Marea non teñen ningunha intención de representar ao espazo política de En Marea. O uso da denominación pola nosa banda será pacífica", indicou Villares a preguntas dos medios.
SAÍDA DE FLORA MIRANDA
Unha hora despois de que Villares anunciase en rolda de prensa o pasado xoves a ruptura co Grupo de En Marea, a deputada Flora Miranda anunciou que abandonará o seu escano, algo que non se concretará ata o inicio do próximo período de sesións no mes de setembro, segundo confirmaron a Europa Press fontes parlamentarias.
Cuestionado sobre a marcha de Miranda, que desde a súa entrada no Parlamento non entrou na batalla interna do grupo entre afíns ao portavoz e críticos; Villares lamentou a súa decisión porque "o Parlamento perde unha gran deputada e a sanidade pública perde unha gran representante da súa voz". "A min teriame gustado que continuase e que o fixese representando o proxecto de En Marea", dixo o maxistrado lucense.
Unha vez formalizada a renuncia de Miranda, deputada pola circunscrición da Coruña, a lista de En Marea correría ata o número oito, lugar no que figura o militante de Marea Altántica Xan Xove. Segundo fontes da súa contorna, Xove traballa actualmente como funcionario de Correos en Cataluña.
De non entrar Xove, a persoa que ocupa o noveno posto na lista de En Marea pola Coruña é Mariló Candedo, quen era a opción da dirección do partido instrumental para o cargo de senador, proposición que foi ignorada polos deputados críticos que organizaron unha votación para a elección de Sande.
"Non vou especular co que toca facer", dixo Villares cuestionado sobre a posibilidade de que Xove non queira entrar como deputado (faríao, previsiblemente, no actual Grupo de En Marea) e a acta recaia en Candedo, quen elixiría o mixto, tendo en conta que é membro da dirección de En Marea partido. "Non imos ocultar a nosa simpatía cara a unha persoa da dirección. Non quero especular, aínda que me gustaría, evidentemente", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.