Por E.P. | A CORUÑA | 21/06/2019 | Actualizada ás 18:20
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ( Chuac) conmemorou este venres o XX aniversario do seu programa de transplante de pulmón, cun total de 659 pacientes beneficiados ata a data, o último intervido o pasado 6 de xuño.
Hai 20 anos, realizouse no hospital o primeiro enxerto deste órgano a un coruñés que sufría un enfisema pulmonar, motivo da conmemoración. Con motivo da mesma, compareceron ante os medios de comunicación o xerente da Xerencia de Xestión Integrada, Luís Verde Remeseiro, e o coordinador de transplantes, Fernando Mosteiro.
Xunto a eles, estiveron Carmen Montero, xefa do Servizo de Pneumoloxía do Chuac; Mercedes da Torre, responsable do Servizo de Cirurxía Torácica e Lucía Carballeira, trasplantada de pulmón desde fai seis anos.
Verde Remeseiro destacou a "xenerosidade" das persoas que fixeron posible estes transplantes cunha doazón, mentres que a doutora Montero subliñou que se trata dun programa que atende tamén a pacientes de fóra de Galicia e do norte de Portugal. "O transplante é o tratamento final para pacientes con enfermidades crónicas", remarcou.
"Galicia parece nos últimos anos máis concienciada coa doazón", subliñou, á súa vez, o doutor Mosteiro. "No hospital no que vai de ano non houbo ningunha negativa familiar", dixo ante os casos de doazóns.
Para conmemorar o primeiro transplante de pulmón, o Chuac organizou este venres un coloquio con especialistas e pacientes trasplantados e unha xornada científica coa presenza de responsables de equipos de transplante doutros hospitais de España e de Portugal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.