Unha Rosalía “inédita”

Ramón Torrado descubre una nova imaxe de Rosalía nos arquivos da Real Academia, que Certo publica no 175 aniversario do nacemento da escritora. Imaxe de maior resolución no interior.

Por Galicia Confidencial | Noia | 24/02/2012 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Na época en que un adolescente de quince anos colga máis de catro mil fotografías na súa páxina en tuenti, que importancia pode ter una única foto? Eu penso que no caso da imaxe que nos ocupa, moita. 

None

Rosalía de Castro é para min a mellor muller poeta da literatura mundial. Que pode facer Emily Dickinson contra un poema como “A xustiza pola man”? Quen ten entra as súas creacións dúas obras mestras absolutas como Follas novas ou En las orillas del Sar? A escritora de Padrón, tamén boa novelista, é española e é, moi especialmente, nosa. Todo iso de que Rosalía é a alma de Galicia … é certo!

Máis que importa a opinión dun rapaz do Araño, de Rianxo, fillo dunha humilde familia de emigrantes? Como é posible que ninguén antes se dera de conta da identidade da protagonista deste impresionante retrato? Contarei os pasos que din.

En primeiro lugar, investiguei á poeta do río Sar durante catro anos, de 1996 ao 2000, e falei con ducias de persoas, incluído o propio Premio Nobel padronés Camilo José Cela, bisneto dunha amiga de Teresa, a nai de Rosalía, e mirei en arquivos e nos lugares nos que ela vivía. Busquei información por todas partes para documentarme mentres escribía una biografía novelada, á que titulei Rosalía. O lume asolador das paixóns –empregando un verso que ela modificou do seu mestre Aurelio Aguirre Galarraga – que permanece inédita.

Toquei coas miñas mans as fotos orixinais da autora e da súa familia, gardadas nun caixón na cidade de A Coruña e, preocupado por ter a mellor calidade posible, pedín que me fotocopiaran en láser as dúas fotos máis famosas. Esas fotos estiveron no Corte Inglés da cidade herculina, cando alí facían fotocopias.

None

Os rostros son algo máxico para min: espellos da alma se me permiten botar man do tópico. De mozo pasaba os recreos en South Orange, New Jersey, mirando libros sobre pintura ou fotografías dos grandes mestres. No ano 1983 Sting, o cantante do meu grupo favorito The Police, sae na portada do seu disco lendo un libro: Sincronicidade, do psicólogo suízo Carl Gustav Jung. Aí empeza a miña fascinación coas coincidencias, e tamén cos parecidos nos rostros humanos.

Teño unha carpeta moi chea de recortes con fotografías de parecidos. Así, encontro parecido entre George Michael e Nietszche, e hai unha foto na que Franco Battiato sae cuspidiño a Álvaro Cunqueiro, entre outras moitas parellas de caras que se asemellan.

Hai uns sesenta días máis ou menos, volvín a unhas fotocopias que tiña gardadas da época da investigación rosaliana porque quería facer un vídeo sobre os fillos de Rosalía para YouTube. Empecei a gravar co teléfono móbil a Gala, a Aura, a Ovidio e, de súpeto, ó facer un dos primeiros planos que tanto me gustan, reparei na pose ou caída de pálpebra no retrato que se supoñía que era de Gala. Co corazón a cen por hora, só no meu cuarto, sentín moi emocionado que ésta era Rosalía, a miña amada Rosalía.

Pero era distinta. O meu mentor cando escribín a novela – el animoume a escribir catro capítulos máis – foi o meirande especialista en Rosalía, o extraordinario intelectual e político Francisco Rodríguez, autor de dous libros espléndidos sobre ela. El e máis eu comprendemos que non existe aínda unha biografía extensa e rigorosa, digna da muller galega máis gloriosa. Isto é algo que non sucedería noutros países. No Reino Unido, por exemplo, houbo hai uns anos moita axitación sobre un posible retrato de Jane Austen, e non digamos como están con Shakespeare.

De Rosalía só se coñecen unhas doce imaxes fotográficas; tres delas son arrepiantes e moi descoñecidas. Case todas as imaxes, reflectindo a censura e o abuso que dela fixeron no mundo das Letras, crean unha idea estereotipada de muller máis ben apoucada, bondadosa raiando nunha soporífera beatitude, inofensiva, inculta. Unha grande mentira. Daí as estupideces e desprezos de George Steiner e de Luis Antonio de Villena, e non só deles.

Pero é distinta. Si. Aquí ela é diferente. Marcada a foto por detrás co nome de Gala, como todas as demais fotos da colección denominada “Juan Naya” - depositario de moitos documentos inéditos e que era fillo da costureira da familia Castro-Murguía e que chegou a ser arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega - non parece retratar a Gala, que tiña a face máis afiada. 

É  distinta. Aquí vese unha muller chea de forza, de intensa, melancólica e compasiva mirada, coa man no peito, segura do seu valor, engalanada con peles e xoias. Nin rastro da pobriña de moitos bustos, selos e cadros. Helena Villar e Paulino Vázquez: ambos responden con asombro ó ver este retrato de estudio. É ela. É a nosa Rosalía.

Con todo, é necesario ter precaución. Igual se trata da misteriosa Amara, ou da propia Gala que cambiaría coa idade. É moi difícil confirmar nada. Será preciso consultar en arquivos municipais sobre os fotógrafos da época, en particular na Coruña, mirando os datos da rúa San Andrés, por exemplo.

Hai rumores de que se prepara, a cargo dun grupo de especialistas da Universidade de Vigo, unha biografía definitiva de Rosalía. Hai moito por facer. Sería bo comprobar, en Madrid, se existen persoas descendentes – como na excelente película epónima de moda con George Clooney sobre o respecto ó patrimonio – da parella formada por Manuel Murguía e Rosalía, posto que o seu fillo Ovidio tivo ó parecer un fillo ou unha filla coa moza madrileña Visitación Oliva. Tamén se poden visitar os arquivos de Padrón e de Compostela para seguir a pista dun legado do poeta Fermín Bouza Brey que me transmitiu outro poeta, Manuel María: a revelación de que Rosalía tivo un irmán, un bebé que faleceu ó pouco de nacer.

Queremos entrar no misterio desta muller apaixonante que era María Rosalía Rita Martínez de Castro para comprendela e para comprender mellor as súas obras. Penso que debemos sentir por ela o que ela sentía pola nosa terra galega, os sentimentos que deixa entrever esta fotografía: nobreza, valía, orgullo e amor. 

Este texto é do propio Ramón Torrado que expresa o seu "gradecemento pola súa amabilidade" a Mercedes Fernández-Couto Tella, Directora do Arquivo da Real Academia Galega. Ramón Torrado é profesor de Inglés no IES A Cachada de Boiro.

Opinador habitual do xornal colaborador do GC, Certo, dende os seus inicios, é tamén vídeocreador, escritor e investigador da vida de personaxes senlleiros da cultura galega.

En maior resolución

Velaquí a imaxe na súa parte superior e a corpo enteiro.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

4 Ramón Torrado

Rosalía de Castro viviu na cidade de A Coruña entre 1870 e 1875, polo cal tiña entonces entre 33 e 38 anos. Seguramente esta fotografía foi sacada neses anos. En imaxes da Gala de avanzada idade non se aprecia unha ptose ou caída de pálpebra significativa. Falando aínda máis claro, dóeme ter que dicir que nas fotos de Gala non se ve esa mirada de intelixencia que tiña Rosalía.

1 Melorra

Esta fotografía non é do século XIX nen de coña. Unha imaxe do século XIX non presenta a densidade da prata que se aprecia nesta. Canto á mirada de intelixencia, esa é unha opinión personal

2 Ramón Torrado

Unha opinión informada, Melorra. Mira se podes o vídeo "Rosalía de Castro e os seus fillos" en YouTube e a ver que che parece.

3 Melorra

Paréceme unha animalada fotocopiar imaxes do XIX.

4 Ramón Torrado

É moi posible que a fotocopia normal que me fixeron en branco e negro entre os anos 1996 e 2000 sexa, aparte da de hai dous meses en cor, a única que se lle realizou a esta foto. Sen fotocopias ou fotografías, como se fan os libros de investigación ou de Historia que teñen documentación gráfica?

3 argonauta

Con todos os meus respectos, a atribución da figura desta foto a Rosalía de Castro non é correcta. 2 motivos evidentes: Técnicos. Esta muller, no momento da fotografía debe andar polos trinta anos. No 1867 Rosalía ten 30 anos. Nesa época as tecnoloxías fotográficas eran moito máis precarias. As fotos eran moi pequenas e de busto. Os produtos químicos empregados no revelado e o propio papel fotográfico eran moi deficientes. Estas fotos mellor reveladas, a corpo completo, e de maiores dimensións son posteriores. Finais do XIX, dúas primeiras décadas do XX. Moda. A moda en 1870 é moi determinada. Hai unha foto de Rosalía do ano 1884 no que aínda se ve que viste claramente co tipo de saia e bordado desa época. Fixádevos que o traxe que leva esta muller é claramente posterior, moito maís sinxelo.

1 argonauta

A semellanza entre a muller da foto e Rosalía de Castro é notable, pero non é ela, senón algunha filla/neta. Nada máis que reiterar os meus parabéns porque haxa persoas que sigan tendo interese e admiración pola figura de Rosalía. Aínda que non esta atribución non sexa correcta, nestes tempos escuros o interese pola súa figura é importnante.

2 Virollo

Cona! Pois é verdade. O peiteado está ao revés. Parece que a señora imita o posado de Rosalía a posta. ¿Cal sería o seu propósito? ¿Saír nun medio do futuro coma Rosalía?. Canta maldá. Comparade: http://4.bp.blogspot.com/_XKOaIvs_m...

3 Melorra

Argonauta, tes toda a razón do mundo. É máis, se lle botas unha ollada ás imaxes que hai de Gala Murguía por esa época é cuspidiña á nai. A fotografía orixinal é unha xelatina DOP, que como ben dis non é proceso que existise na década dos sesenta do s. XIX. A roupa é claramente moderna, o pano de fondo... Outro dato é que, entre as poucas imaxes que se conservan de Rosalía, as que podemos situar ao redor desa cronoloxía amosan unha persoa moito máis delgada, de cara afiada. En fin, todo indica que, mal que nos pese, non se trata dunha imaxe de Rosalía de Castro.

2 Conachán

Está a facer strip-tease ??

1 Kiko

Graciñas Ramón pora achegarnos algo máis a figura da nosa grande poeta! Graciñas a Certo e a Galicia Confidencial polo voso impresionante traballo de difusión da nosa cultura!

1 Biala

Probe Galicia, non debes / Chamarte nunca española. Grande Poeta.

2 Ramón Torrado

Moi amable, Kiko.