Ángel Mato, comprometido a axilizar os trámites para que o edificio da UDC estea dispoñible no 2021

O inmoble será de tres plantas e dous sotos, con 15.000 metros cadrados útiles e que están acordes ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, comprometeuse co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a axilizar os trámites para que o novo edificio da institución estea dispoñible no horizonte do ano 2021.

Edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña,  CITIC
Edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, CITIC | Fonte: UDC.

O rexedor visitou este martes o vicerreitorado de Ferrol da UDC, onde foi recibido polo reitor, Julio Abalde; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; entre outros.

O rexedor asinou no Libro de Ouro da Universidade da Coruña, onde quixo destacar o seu agradecemento á institución académica como "a mellor panca de cambio" para abordar o futuro da cidade. O reitor aproveitou este encontro para presentarlle o proxecto de ampliación do Campus, tras a adquisición do terreo adquirido ao Ministerio de Defensa.

O inmoble será de tres plantas e dous sotos, con 15.000 metros cadrados útiles e que están acordes ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. Julio Abalde destacou que a construción deste novo edificio se fará en dúas fases, cun custo de dez millóns de euros, dos cales a Universidade da Coruña xa ten comprometidos cinco millóns.

Tras o período estival, Julio Abalde confirmou que a Universidade da Coruña fará un concurso público para licitar as obras e poder comezalas a principios de 2020, para que o edificio poida ter uso ao longo de 2021, polo que solicitou axuda ao Concello de Ferrol "para ter as licenzas urbanísticas", nun proxecto "que é bo para a Universidade e para Ferrol".

Pola súa banda, Ángel Mato recolleu a petición e lembrou que o actual edificio do vicerreitorado vira a luz durante a súa etapa como concelleira de Urbanismo entre 2007 e 2011, no goberno do socialista Vicente Irisarri. Ao mesmo tempo, o rexedor recoñeceu que o país "ten unha débeda coa investigación e o desenvolvemento", polo que agradeceu a aposta pola cidade da Universidade da Coruña.

"Terán todos os recursos do Concello de Ferrol para poder seguir crecendo", sinalou, como tamén quixo destacar o pasado e presente industrial na cidade, na que ten que estar presente a Universidade da Coruña, ante os retos de "a industria 4.0".

PARCELAS DO SÁNCHEZ AGUILERA

Outro dos temas abordados foi o plan de usos do cuartel Sánchez Aguilera, que está pendente de firma entre o Concello de Ferrol e o Ministerio de Defensa. Unha das súas parcelas estaría destinada á Universidade da Coruña para a realización dunha residencia universitaria, algo ao que non renuncian, tal e como lembrou Julio Abalde.

Respecto diso, o alcalde Ángel Mato afirmou que respectará este compromiso que está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do ano 2000. Despois do acto, trasladáronse á Residencia de Oficiais de Batallóns, a última adquisición da Universidade da Coruña ao Ministerio de Defensa onde valoraron as reformas necesarias para pór en marcha este espazo e os seus futuros usos universitarios.

O reitor afirmou que o proxecto para realizar a reforma xa está en marcha "cun pintado, revisión da instalación eléctrica e a construción dun muro que separe o edificio do resto da leira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Opa Canido

Cando estivo de Concelleiro de Urbanismo non axilizaba NADA ¡¡