Por Europa Press / Redacción | | 05/07/2019 | Actualizada ás 14:46
A portavoz do Goberno e ministra de Educación en funcións, Isabel Celaá, afirmou este venres que o Executivo sente unha "alta satisfacción" polo acordo alcanzado cos sindicatos para garantir o mantemento do emprego nas fábricas de Avilés e A Coruña que Alcoa venderá ao fondo suízo Parter.
"Hai unha alta satisfacción no Goberno por ser capaces de atopar unha solución para os traballadores de Alcoa", sinalou a portavoz do Goberno na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
Os sindicatos alcanzaron esta madrugada un acordo con Alcoa para a venda das plantas de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter polo que non se pechará ningunha das dúas plantas nin se perderá ningún emprego.
"O investidor garante o 100% do emprego e a apertura das dúas plantas. Haberá un futuro industrial para as 600 familias afectadas", explicou o secretario xeral de Industria e da Peme, Rául Branco, tras a consecución do acordo.
ALCOA
Pola súa banda, Alcoa considerou unha "boa noticia" o acordo sindical para a venda ao fondo suízo Parter das dúas plantas que a multinacional estadounidense ten en Áviles e A Coruña.
Fontes da compañía indicaron a Europa Press que se trata dun "paso moi importante" para avanzar na adquisición de ambas as fábricas por parte de Parter.
Alcoa trasladou ademais o seu agradecemento ao Executivo español, aos Gobernos de Asturias e Galicia e aos representantes dos traballadores polo seu apoio en todo este proceso.
OS TRABALLADORES
O presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña, Juan Carlos Corbacho, avisou de que "isto non acaba aquí", polo que van seguir " loitando" para manter o emprego. Corbacho considera que este "é un capítulo máis" e "sen este capítulo non se pode escribir o seguinte", que será "importante", e "vai ser o día 31 de xullo cando Parter diga ou non diga se pode pasar esas esixencias financeiras que acordou con Alcoa a última hora".
"O obxectivo está cumprido", dixo, polo que se sae cunha "acta" de Alcoa cos traballadores, no que se deixa patente que estes non participaron nas negociacións pero que dá pé á compravenda, polo que se permite "alongar o prazo ata o 31 de xullo", pero "nada máis".
"Seguimos vivos e imos ter que seguir loitando, agora mesmo é o que nos toca, quédannos dous anos para seguir reclamando e pelexando tamén para darlle esa seguridade laboral e industrial ao centro de traballo", deixou claro. E é que, polo momento, no acordo que debe culminarse o fondo suízo Parter só garante o emprego durante dous anos, mentres non se ofreza un prezo da electricidade estable.
ASEMBLEA
O comité de empresa de Alcoa na Coruña ten previsto explicar este venres, 5 de xullo, ás 15,30 horas nunha asemblea informativa "máis pormenorizadamente" as condicións establecidas do acordo para a venda das plantas de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter.
De feito, o comité confirmou que na reunión que concluíu na madrugada deste venres "se chegou a un acordo para ampliar o prazo da execución de venda das plantas ao 31 de xullo de 2019". "O mesmo prazo que Parter ten para presentar as garantías financeiras que acordou con Alcoa", lembrou o comité de empresa nun comunicado.
Así mesmo, puntualizou que, se a 31 de xullo Parter "cumpriu co establecido no tocante ás condicións financeiras acordadas con Alcoa", levará a cabo a venda das plantas. Ademais, concretou que se ten que convocar á Mesa Técnica Estatal "para informar do final do proceso de venda das plantas e, por conseguinte, o cumprimento do acordo do ERE de 15 de xaneiro de 2019".
Os sindicatos destacaron que nesta prórroga do prazo para a venda das fábricas ao 31 de xullo "se manteñen as condicións laborais actuais". Todo iso despois do principio de acordo selado o pasado luns entre Alcoa e Parter.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.