Por Ubaldo Cerqueiro | Cee | 09/03/2012 | Actualizada ás 17:41
Este venres celebrouse o primeiro pleno da nova etapa do Concello de Cee trala circense moción de censura. Un pleno de organización para presentar á nova corporación municipal e as súas áreas, que repasamos no acordo de goberno asinado ata o remate da lexislatura polo PP e os xa 3 edís non adscritos.
O pleno comezou dando conta da carta de escisión do BNG nacional aos 3 edís ceenses, polo que Dani Oca, Santos Díaz Graíño e María José Fandiño Blanco, que xa forman parte no goberno como concelleiros non adscritos.
"Koljoses e sovjoses"
O bo ambiente entre grupos foi patente. Dende dentro do Concello xa hai quen valora que “a cousa vai polo bo camiño, se ben que mellorar o que había tampouco era complicado”. Ademais, parece que as diferencias ideolóxicas non serán un impedimento, e xa se escoita o “superamos o integrismo político” ou “xa non estamos no 1917 cos koljoses e sovjoses“.
Así e todo a realidade é complexa xa que a débeda municipal é superior á que pensaban, e está nos case 3 millóns de euros, cando o orzamento anual do Concello ronda os 4 millóns. Como primeiras medidas, o grupo de goberno xa focaliza esforzos en pagar a todos os proveedores do Concello, en rematar uns orzamentos reais e en solucionar de xeito urxente, o tema da gardería.
Acordo de goberno entre PP e BNG de Cee
Reparto proporcional das Áreas de Goberno, nas que ademais cada grupo xestionará as súas áreas como titular de competencias:
– O BNG, ademais de ter a 1ª e 3ª tenencias de alcadía xestionará Promocion económica, turismo, parque industrial, comercio e novas tecnoloxías (páxina web www.concellocee.es); Obras e servizos: alumeados, saneamentos, concesións administrativas; e Cultura, Educación e Deporte.
– O PP xestionará a alcaldía, Servizos Sociais, Tráfico e Seguridade Cidadá, e Medio Ambiente, Urbanismo e PXOM.
- 2 Dedicacións parciais (6 horas): unha por cada forza política, por un importe de 18.000€/ anuais cada unha. A alcaldesa non cobrará un salario do concello mentres ocupe o seu cargo na Deputación Provincial.
- Elaboración dun catálogo conxunto de obras prioritarias para toda a lexislatura e aprobación urxente dun PXOM consensuado.
- Posta en marcha conxunta e consensuada do plan de saneamento económico do concello e do orzamento municipal.
- As medidas de saneamento democrático que contiña o acordo anticorrupción do mes de xuño: sobre todo transparencia na contratación de persoal e obras.
Os dous grupos levarán a cabo unha rolda de reunións coa veciñanza das distintas parroquias para explicar o por qué da moción e as características do Pacto.
Medidas para a transparencia: A web abre as portas do Concello
En xeral, os dous grupos políticos municipais impulsarán a transparencia no concello, implementando estas medidas, focalizadas na web municipal, que será un escaparate aberto do que acontece na actualidade do Concello:
- Publicar os acordos relevantes adoptados polos órganos das corporacións locais dun xeito áxil na web institucional www.concellocee.es.
- Mellorar os sistemas de información e asesoramento municipal, tanto de carácter interno (sobre servizos e procedementos municipais), como externo (relacionados cos servizos e procesos doutras administracións), e dun xeito particular, potenciando, ou no seu caso implantando, oficinas que atendan os asuntos relativos aos dereitos dos consumidores e usuarios.
- Garantir a equidade e transparencia no acceso ao emprego público local, tanto na administración local como nas entidades dependentes da mesma (empresas públicas, fundacións), onde se terán en conta os méritos e capacidade dos/as aspirantes, e primarase o carácter profesional da selección.
- Garantir a transparencia e a equidade en todos os concursos públicos e en todas as contratacións de obras ou servizos a cargo da Administración Local. - Utilización preferente de procedementos abertos na adxudicacións de obras e a compra de suministros.
- Elaboración dun rexistro municipal de contratistas, para que todas as empresas se beneficien da actividade do concello.
- Establecemento de bases reguladoras con criterios obxectivos e regrados que rexan as políticas de axudas e subvencións que aseguren unha concorrencia igualitaria, que erradique toda discrecionalidade.
- Garantir o labor fiscalizador e de control do Pleno da Corporación, poñendo a disposición dos grupos da oposición os medios materiais e técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.
Do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.