Rexeitamento do PP para impulsar unha nova lei de identidade de xénero porque a actual "xa é integral"

A oposición reclamou a "reformulación" do observatorio pola igualdade das persoas LGTBI, xa que a súa actual composición "non representa" á totalidade dos colectivos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2019 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

O Grupo Popular rexeitou cos seus votos unha moción presentada por En Marea coa que pretendían que o Parlamento instase o Goberno galego a impulsar unha nova lei de identidade de xénero antes de que concluíse a actual lexislatura.

A iniciativa foi debatida este martes no pleno que acolle o Parlamento de Galicia, o último do período ordinario de sesións antes do parón estival. O deputado popular Gonzalo Trenor xustificou a postura do seu grupo de oporse ao desenvolvemento dunha nova lei de protección para o colectivo LGTBI porque entenden que a actual "xa é integral".

Así, Trenor lembrou que o seu partido está "orgulloso de ser os artífices de ter a primeira lei LGTBI de toda España" e acusou aos grupos da oposición de "levar anos atacando" a normativa "propondo a súa modificación ou mesmo a súa derrogación a través dun novo texto que a anule". Nesta liña, afirmou que "os retrógrados" e os "sectarios" únense "" ao redor de "querer terminar cunha lei que representa á maioría dos galegos".

A deputada de En Marea Paula Quinteiro foi a encargada de defender a moción que, ademais de querer impulsar unha nova lei de identidade de xénero, pretendía pór en marcha unha avaliación do grao de cumprimento da normativa aprobada en 2014, dado que, segundo a parlamentaria, non está a ser levada á práctica por parte do Goberno autonómico.

Ademais, reclamou a "reformulación" do observatorio pola igualdade das persoas LGTBI, xa que a súa actual composición "non representa" á totalidade dos colectivos porque está integrada de maneira "maioritaria" por cargos designados pola Xunta de Galicia. Tamén se detivo neste punto a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao, que asegura que "os colectivos non se senten representados" no devandito órgano. Ademais, solicitou a fixación de "prazos" para avaliar o cumprimento da lei de 2014, así como a elaboración dun "estudo exhaustivo" da situación das persoas que pertencen ao colectivo LGTBI.

E é que, como apuntou Olalla Rodil (BNG), a porcentaxe de persoas transxénero que sofren discriminación e que están en risco de exclusión social por non atopar emprego é "alarmante", polo que insta o Goberno galego a tomar medidas para enfrontarse a esta realidade. Por último, Noela Branco (PSdeG) acusou á Xunta de ter "crioxenizada" a lei autonómica sobre o colectivo LGTBI, polo que reclama aos populares que "pidan ao seu goberno que empecen a cumprila".

O Parlamento galego . EUROPA PRESS - Arquivo
O Parlamento galego . EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta